O secretario xeral sinala que Feijóo fixo naquela campaña “unha foto falsa”, a “dun contrato incumprido do que non nos ensinou a letra pequena”
O líder socialista reproba a “traizón” que confirmou o presidente ao admitir que “levaba moito tempo calado” e sen exercer a necesaria defensa de Galicia ante Rajoy
Santiago, 28 de febreiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, preguntouse hoxe “que vai celebrar Feijóo mañá”, cando se cumpren 10 anos das primeiras eleccións que gañou, á vista de que a súa xestión deveu nun “fracaso que sufrimos os galegos e as galegas”. Aludiu así ao acto convocado polos populares en conmemoración daquela data, cuxo resultado é “unha Galicia en peores condicións”.
Ademais, Gonzalo Caballero recordou aquela “foto falsa” que fixo Feijóo na campaña electoral do 2009 asinando un contrato con Galicia “do que non nos ensinou a letra pequena”, á vista das consecuencias que tiveron as súas políticas, e no que os compromisos que se fixeron públicos están hoxe “incumpridos”.
“Feijóo non cumpriu co seu deber de levar a Galicia cara o progreso, o avance social, a máis posibilidades de futuro…”, subliñou o máximo dirixente do PSdeG, convencido de que os “beneficios” da etapa de Feijóo son “para moi poucos” mentres os “prexuízos” chegan “á maioría” dos galegos e das galegas.
É por iso que, tras amosar con datos o “fracaso” das políticas de Feijóo en demografía, emprego, servizos públicos ou políticas de igualdade, entre outros eidos, Gonzalo Caballero xulgou que Galicia “merece un cambio de ciclo político” que permita reverter a situación.
En paralelo ao “balance negativo” que fixo desta etapa, o máximo dirixente do PSdeG sumou a “traizón a Galicia” admitida polo propio presidente esta semana, cando recoñeceu que “o noroeste levaba moito tempo calado” e, por tanto, sen exercer a necesaria defensa da nosa comunidade ante o goberno de Mariano Rajoy e que agora pretende abandeirar por intereses partidistas.
“O SUSPENSO DE FEIJÓO”
Na súa comparecencia ante os medios, Gonzalo Caballero ofreceu datos sobre a perda de poboación de Galicia, que baixou xa dos 2,7 millóns de habitantes; o envellecemento da poboación e a escaseza de nacementos.
Canto os servizos públicos, fixo fincapé na redución de fondos en educación e sanidade e nos recortes nos que deriva, como se ve na “crise” que atravesa o sistema sanitario e que Feijóo “está tratando de parchear” sen éxito.
No que atinxe ao paro, Gonzalo Caballero recordou os datos oficiais que evidencian que hai máis persoas en situación de desemprego e menos ocupados; e non se esqueceu da “debilidade” que atravesan os nosos sectores produtivos a causa da falta de apoio da Xunta pese ao suposto compromiso de Feijóo co rural e da redución de fondos para I+D.
Tampouco a “revitalización” da nosa lingua ou da nosa cultura ocupan as prioridades de Feijóo, que “suspende” así mesmo no relativo á vivenda pública, que pasou de 3.000 inmobles iniciados en 2007 a cinco en 2017. Todo iso, pese a ter “triplicado” a débeda pública, engadiu.
E, en vésperas do 8 de marzo, Gonzalo Caballero tamén reparou nos “escasos compromisos” de Feijóo en materia de igualdade: deixou na cuarta parte as axudas para igualdade e promoción da muller e os fondos consignados para o apoio á conciliación da vida persoal e laboral.
“O suspenso de Feijóo contrasta coa imaxe que nos quere dar da súa xestión”, concluíu o líder dos socialistas galegos, quen lamentou que o PP celebrará mañá “o que é bo” para eles “pero non para os galegos e as galegas”.