A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, advertiu hoxe de que 136 concellos de Galicia están excluídos da rede de Centros de Información á Muller da Xunta. A responsable socialista presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento na que sinalou que hoxe hai 81 destes centros en todo o territorio galego para atender a 177 concellos, deixando ao 43 por cento desatendidos.
A responsable socialista apuntou ademais unha discriminación dos concellos do rural, maioritariamente á marxe destes servizos concibidos para asesorar na loita contra a violencia de xénero, a atención a mulleres vulnerables, asesoramento a persoas LGTBI ou apoio profesional e sociolaboral. Sen embargo, dixo, tan só un de cada 4 CIMs dispoñen de axente de igualdade, o que supón que este servizo só está dispoñible en 21 dos 313 concellos de Galicia.
Pierres erclamoulle ao goberno galego que atenda aos informes anuais presentados por estes centros, que no ano 2017 presentaron unha batería de propostas para ofertar un mellor servizo, que comezan pola necesidade de maior cooperación institucional e coordinación entre os propios CIMs. Tamén sinalan á necesidade da cooperación interautonómica entre redes de centros, ou a mellora do funcionamento da plataforma de xestión CIM.
A parlamentaria socialista levou ao Pleno do Parlamento a necesidade de reformular o sistema de implementación de datos das usuarias, para xustificar as intervencións dos CIMs respectando ao mesmo tempo a confidencialidade. Tamén reclamaran a reactivación do programa de inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, ou garantir o imprescindible financiamento autonómico da rede CIM, incrementando os recursos de acollemento, económicos e sociais.
Necesidades de formación
María Pierres puxo o foco sobre as necesidades de formación dos e das profesionais da rede, que reclaman cursos sobre Inmigración e colectivo LGTBI, ou formación xurídica relativa á atención a menores vítimas de violencia de xénero. Tamén reivindican formación especializada en aspectos relacionados co apego, dependencia emocional ou traumas e atención ás mulleres que sofren adiccións.