A portavoz de Traballo do Grupo Socialista, Patricia Otero, denunciou hoxe a falla de políticas de igualdade laboral efectivas no goberno galego e sinalou que “para apostar pola igualdade laboral hai que dotala de fondos”. No debate dunha interpelación presentada polos socialistas no Pleno do Parlamento, acusou a Feijóo de ter recortado 4 de cada 5 euros da partida para Igualdade, Protección e Promoción da Muller.
A responsable socialista explicou que aquela partida, que co goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño chegou a estar dotada de 33,55 millóns de euros, hoxe ten tan só 7,36 millóns de euros, un 78 por cento menos. Na mesma liña, os 5 millóns de euros que había no goberno de Touriño para conciliación tan só quedan hoxe 1,62, mentres deixan sen executar as medidas previstas na Lei de Igualdade no Traballo.
Reclamoulle que teñan en conta “os documentos lexislativos que existían cando chegaron ao goberno” e que deixaron sen aplicar por “falla de vontade política” xa que, sinalou, “por moita propaganda e anuncios que fagan, se as medidas non están dotadas orzamentariamente é imposible levalas a cabo”.
Orzamentos sociais
Otero acusou ao goberno galego de criticar os orzamentos xerais do Estado, que o PP vén de rexeitar no Congreso, e que destinaban o 55 por cento a políticas sociais, incluídas as medidas para lograr a igualdade salarial entre homes e mulleres. Neste sentido, sinalou que o goberno de Pedro Sánchez “cambiou os venres de dores –dos consellos de ministros de Mariano Rajoy- polos venres sociais”.
Sinalou á próxima reunión do Goberno de España, que esta mesma semana ten previsto aprobar a Lei de Igualdade Salarial entre Homes e Mulleres, e sinalou que a igualdade salarial “resulta crucial nas políticas de igualdade”. Explicou que a fenda salarial resulta “intolerable” en Galicia, onde as mulleres cobran un 23,05 por cento menos que os homes, 5.000 euros menos ao ano, segundo a Enquisa de Estrutura Salarial de 2016 publicada o pasado ano.