O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao goberno central que asuma a supresión da suba das peaxes na AP-9.
Esta iniciativa, presentada onte e votada hoxe, era idéntica ás emendas que o propio PP etn presentado no Congreso no trámite da Lei de Transferencia da infraestrutura, presentado polo Parlamento de Galicia. Ademais reclamáballe á Xunta que liberalice as peaxes das autoestradas autonómicas Puxeiros – Val Miñor e A Coruña – Carballo, foi debatida onte e votouse hoxe.
O responsable socialista pediulle ao goberno de España que asuma o financiamento das obras de ampliación da capacidade das obras da AP-9, co que evitaría a suba do 1 por cento das peaxes durante 20 anos, tal e como recollía o Protocolo ratificado pola ministra de Fomento Ana Pastor e Audasa en decembro de 2012. Álvarez acusou ao goberno galego de ter abandeirado as protestas pola suba das peaxes logo da “celebración exhaustiva” do convenio e das obras de ampliación.
Salientou que “de repente teñen descuberto a letra pequena do convenio de Ana Pastor”, que lle puxo a puntilla a un acordo do que agora renegan. Álvarez lembrou o “pecado orixinal” da situación da infraestrutura, cunha concesión ampliada ata o ano 2048 con Aznar de presidente e Feijóo como conselleiro de Política Territorial, e dun convenio co goberno socialista de Zapatero para realizar as obras de ampliación da ponte de Rande e da autoestrada en Santiago.
Sen embargo, sinalou, foi Montoro en 2012 quen suprimiu a rebaixa do 7 por cento nas tarifas e subiulle o IVE, e Ana Pastor a que revisou e ratificou o convenio introducindo cláusulas que permitían á concesionaria ampliar as peaxes no caso de dificultades financeiras.
Autoestradas da Xunta
O responsable socialista solicitoulle ao goberno central que estableza un desconto do 25 por cento nas viaxes de ida e volta que se realicen no mesmo día para tódolos usuarios en días laborais e festivos, e pediulle unha bonificación idéntica ao goberno galego con relación ás autoestradas de titularidade autonómica Puxeiros – Val Miñor (AG-57) e A Coruña – Carballo (AG-55).
Os socialistas reclamáronlle ao goberno galego que estude a liberalización destas peaxes, que supoñen uns ingresos de entre 14 e 20 millóns de euros ao ano para a concesionaria, unha contía, dixo, “inferior ao gasto anual en propaganda e publicidade por parte do goberno galego”, para subliñar a existencia de partidas nas que “se pode recortar”.