O deputado socialista Juan Díaz Villoslada instou ao goberno galego a sumarse ao impulso á Cidade das TIC de A Coruña, logo de que a conselleira de Universidade dixera onte que “non consideraba o proxecto como unha prioridade”. O responsable socialista presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento que se celebrou hoxe para reivindicar o “apoio, impulso e colaboración activa” da Xunta nesta iniciativa.
Díaz Villoslada considera “esencial” o apoio “tanto dende unha perspectiva institucional como social e económica”, e sinalou que “a implicación nun proxecto clave para Galicia require do compromiso ao máis alto nivel do Goberno galego”. Dixo que tanto a Consellería de Economía, Emprego e Industria, xunto co Igape e o Gain “deben ser motores deste proxecto, en colaboración coa Deputación provincial e o Concello de A Coruña.
O proxecto, que vén de ser anunciado pola Universidade de A Coruña e desenvolto en colaboración co clúster TIC, constitúe “unha potente infraestrutura para a imbricación das empresas tecnolóxicas cos centros académicos e de investigación desta universidade nas áreas TIC”. Suporá, dixo, “o maior centro tecnolóxico de Galicia, converténdose no eixo internacional de innovación en Galicia, en rede cos outros polos tecnolóxicos existentes”.
O proxecto se radicaría nas instalacións da actual Fábrica de Armas da Coruña, que pertence ao Ministerio de Defensa, unha vez se reverta a concesión de Hércules de Armamento, e absorbería e reciclaría ao persoal do actual concesionario, ademais de que sería “compatible con outros posibles usos conforme ao planeamento urbanístico municipal da cidade”.