A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, acusou hoxe ao PP de “pactar con quen trata de dinamitar a loita pola igualdade das mulleres”. Así o dixo no debate dunha interpelación na que puxo en dúbida a implicación do goberno galego fronte á violencia de xénero e esixiu “pasos máis firmes para despexar o medo fronte aos tonteos ideolóxicos” da nova dirección do partido.
A responsable socialista criticou que o acordo do PP para gobernar en Andalucía o sitúa “na adolescencia política” logo dun rosario de “discursos cargados de inconsistencia e de intencionadas falsas mensaxes”. Advertiu que “o traballo pola igualdade non pode permitirse fisuras ou fendas que provoquen o colapso e derrubo de todo o construído no tempo” e subliñou que “en materia de igualdade, nin un paso atrás”.
Acusou ao PP de “abrirse aos postulados” da estrema dereita ao “obviar a desigualdade estrutural que afecta só ás mulleres”, dando osíxeno a “forzas políticas que expoñen sen decoro unha demolición de toda a estrutura de prevención, atención e protección das mulleres vítimas de violencia de xénero”.
Pierres lembrou que “983 mulleres asasinadas dende que temos datos, 58 delas en Galicia, e unha media de 150.000 denuncias anuais por malos tratos son razóns suficientes “para rexeitar e illar a quen fai do machismo a súa bandeira política”.
A parlamentaria socialista considera “politicamente indecente” o achegamento dos dirixentes do PP con estas posicións políticas, logo de que Casado dera pábulo á teoría das denuncias falsas da estrema dereita como argumento para desacreditar a loita contra a violencia de xénero. Isto despois, puntualizou, de que a propia candidata á Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, apuntara que “Vox no propone nada que yo no haya visto antes dentro del PP”.
Pasos firmes
María Pierres esixiu “pasos máis firmes” do goberno galego na loita contra a violencia de xénero, sinaladamente dende as mobilizacións do pasado 8 de marzo para “despexar os nosos temores sobre os tonteos ideolóxicos do seu partido”. Reclamou coñecer “con claridade” as que supostamente serán “a batería de medidas que poñerán en marcha cos fondos do Pacto de Estado, que accións se potenciarán, cales se introducirán como novidade e cal será o reparto”.
Neste sentido contrastou a reserva de 6,6 millóns de euros da Xunta para financiar a conciliación, as accións para a igualdade ou o apoio para mulleres vítimas de violencia de xénero cos máis de 8 millóns de euros que o Goberno central destina a Galicia en base ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Sinalou que o dito pacto foi activado “cando entrou un goberno socialista na Moncloa”.
Logo da “pasividade” do goberno de Rajoy, dixo, o presidente Sánchez está a demostrar “implicación e conviccións” e un compromiso co pacto que “vai máis alá dos papeis, porque os orzamentos son os que fan viables as políticas”.
Reclamou maior implicación do goberno galego para apoiar ás mulleres vítimas do rural, á rede de Centros de Información ás Mulleres –CIM-, atendendo ás peticións dos profesionais que traballan neles. Tamén reivindicou que prioricen un servizo integral e de calidade para tódalas mulleres galegas e que “traballen máis alá das políticas de atención ás vítimas, centrándose na prevención, educación e sensibilización”.