A deputada socialista Noela Blanco reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha unha auditoría externa sobre a situación do Centro de Saúde de O Couto. No debate dunha pregunta oral, hoxe en Comisión parlamentaria, advertiu das importantes eivas estruturais que impiden a atención aos pacientes con normalidade.
Blanco relatou temperaturas inferiores aos 14 graos por mor das reiteradas avarías na caldeira, así como constantes pingueiras nun edificio que leva aberto pouco máis de un ano. Esta situación provoca que as nais que levan aos seus fillos ao pediatra se neguen a espilos polo frío que vai, o persoal sanitario traballa con bufanda e abrigo e emprega calefactores particulares para soportar as temperaturas que afectan a todo o traballo sanitario.
A responsable socialista urxe ao goberno galego a que contrate unha auditoría externa para determinar as condicións nas que se atopaba o edificio cando foi recepcionado e se puxo en marcha o Centro de Saúde. Ademais, reclama unha inspección técnica para detectar posibles deficiencias estruturais e de mediosmateriais, e un informe que recolla tanto as deficiencias detectadas como o cronograma e os orzamentos para a súa reparación.
Proceso dantesco
Noela Blanco sinalou o “dantesco” proceso de construción e posta en marcha do servizo, que logo de 20 anos de ser reivindicado polos veciños, foi un goberno socialista quen cedeu os terreos para a construción e deixou o papeleo preparado. Foi o seguinte alcalde, o “popular” Xesús Vázquez, quen asistiu á construción do edificio, ata que Feijóo intentou inauguralo antes as eleccións autonómicas de 2016.
Sinala que “a mala xestión do alcalde, incapaz de executar os orzamentos deixados preparados polo goberno socialista, impediu que se urbanizara a zona e polo tanto non fora posible conceder a licenza de ocupación”. Esta situación provocou un “caos administrativo e de atención sanitaria”, con pacientes que non sabían onde tiñan a consulta e persoal sanitario traballando durante meses no medio dunha mudanza.
Apunta que “a febre electoralista de 2016 mesmo levou ao Sergas a trasladar o caso ao xulgado, denunciando ao Concello de Ourense”, a única capital de provincia que leva sen orzamentos dende 2014. Blanco advirte que “tanto da Xan ca Pericán”, para sinalar tanto a Xunta como Concello como responsables da “desastrosa construción e posta en marcha do Centro de Saúde do Couto, cuxo custe están a pagar tanto os profesionais como os veciños e veciñas da cidade.