Os socialistas galegos reclaman á Xunta que traballe como o Ministerio de Industria para garantir a supervivencia da empresa
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe os avances na negociación de cara a garantir o futuro de Alcoa nas plantas da Coruña e Avilés e puxo en valor “o traballo e o compromiso” do goberno socialista co mantemento do emprego.
“O goberno socialista está buscando solucións dende o primeiro momento que sexan reais e factibles, lonxe de demagoxia e entendendo a complexidade da situación”, destacou o líder do PSdeG, ao valorar a intervención do goberno á hora de acadar seis meses máis para atopar unha solución definitiva.
“Chegamos a un punto que permite seis meses de prazo para buscar solucións definitivas, e de forma razoable para os traballadores, na liña de acción que o ministerio impulsou de forma constante, e que implica manter toda a presión sobre a multinacional que tantos cartos públicos recibiu”, engadiu o secretario xeral.
Do igual xeito, Gonzalo Caballero agradeceu “o esforzo dos traballadores e os representantes sindicais” de cara a trasladar á empresa a importancia da responsabilidade social.
Na mesma liña, o presidente do PSdeG e voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, manifestou a súa confianza en que o tempo gañado nas negociacións permita atopar “unha solución ás demandas dos traballadores”, que significan o mantemento da empresa.
Ademais, Xoaquín Fernández Leiceaga instou á Xunta a “apoiar” as xestións que está levando adiante o Ministerio de Industria. “Imos facer o posible entre todos para que Alcoa sobreviva”, finalizou.