O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou hoxe ao presidente da Xunta a encetar unha “reforma en profundidade” da sanidade pública para restaurar o dano ocasionado polos seus recortes. Así o dixo logo da comparecencia do presidente da Xunta na Comisión de Investigación do Parlamento de Galicia que os socialistas abandonaron polo veto imposto polo PP ás propostas de comparecencias da oposición.
O responsable socialista reclamoulle ao presidente da Xunta que “continúe polo camiño do realismo e asuma de verdade que debe de haber unha reforma en profundidade”. Saudou que o goberno galego estea “aterrando progresivamente no realismo” pero animou a Feijóo a ir un paso máis alá e rectificar “coa dimensión e a profundidade suficientes”.
Así o dixo logo de contrastar que “detecte problemas” xa que segundo eles “antes non había dificultades en Atención Primaria e agora as hai, non había precariedade e agora recoñece un grave problema, e non había problemas en urxencias e agora si”.
Fernández Leiceaga animou a avanzar máis nas propostas que están a acadar cos sindicatos, como recuperar as xerencias de Atención Primaria que, dixo, vai “na boa dirección” pero sinalou que “debe recoñecer que foi un problema creado polo PP na presidencia de Feijóo”, que foi “quen se cargou” o modelo ao que agora queren volver. Reclamou ampliar os contratos de estabilidade ao conxunto da sanidade pública e utilizalos tamén para combater a precariedade.
Demandou “prazas suficientes” na OPE de sanidade para “reducir a eventualidade na atención da sanidade pública galega” e un Plan de Reforzo da Atención Primaria con máis tempo de atención aos pacientes e unha planificación adecuada. Neste sentido esixiu os equipos necesarios nos PACs para prever situacións como o falecemento dun paciente da Estrada mentres agardaba ao regreso do seu único médico, ou plans de continxencia para Urxencias.
Bloqueo institucional
O responsable socialista lamentou que o presidente da Xunta se dedicara hoxe a “denigrar” aos adversarios “máis que a explicar os seus proxectos”. Lembrou que a oposición negouse a participar da Comisión de Investigación “única e exclusivamente polo veto de Feijóo a unha proposta para distribuír os comparecentes, xa que o PP quería escoller tamén ás persoas propostas polos restantes grupos”.
Sinalou que “se o PP está preocupado polo funcionamento das institucións democráticas debera explicar por que é socio de Vox”, un partido que defende o baleirado das autonomías, e “por que no Parlamento de Galicia levamos anos sen ter a resolución da Comisión de Investigación das Caixas ou sen que se teña pechado a Comisión da Seguridade Vial”.
Instou ao PP a “normalizar o funcionamento do Parlamento” e levantar o seu “bloqueo”, que provocou que os restantes grupos lle deran voz aos comparecentes vetados nunha serie de encontros paralelos á dita Comisión. Aqueles, entre os que se encontraban os familiares do paciente falecido na Estrada ou os médicos que denunciaron o falecemento de dúas persoas en Urxencias do CHUS, “explicaron con detalle os problemas e dificultades” da sanidade pública.