O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe as “manobras exculpatorias” e a táctica de “balóns fora” iniciada polo presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade logo de coñecer que a Fiscalía admitira a denuncia polo falecemento de dous pacientes en Urxencias do Hospital de Santiago o pasado 2 de xaneiro. O responsable socialista reclamou explicacións parlamentarias xunto co resto da oposición.
Fernández Leiceaga criticou a resposta dada polo presidente da Xunta ao suceso do CHUS “evitando ir á raíz do problema” e comparouna coa súa reacción logo do falecemento dun paciente no PAC da Estrada mentres agardaba a que o único médico operativo volvera dun servizo externo. Lamentou a “absoluta falla de conciencia” dos dirixentes do goberno galego sobre “as dificultades e os problemas da situación sanitaria que terían esixido a dimisión ou cese do conselleiro”.
O responsable socialista apuntou á precaria situación da sanidade pública en Galicia, evidenciando “graves problemas” en contra da “visión de cor de rosa” que ofrece o goberno galego. Recomendoulle ao presidente da Xunta que tome en serio as reclamacións non xa dos partidos políticos e a opinión pública, senón tamén os profesionais que o propio goberno ten recoñecido un altísimo nivel profesional e que “son os primeiros en dicir basta”.
Sinalou á “emerxencia” provocada pola redución continuada de recursos, cun goberno centrado en axustar o gasto renunciando a reformar o sistema e permaneceu impasible diante dos problemas derivados do envellecemento da poboación, como pluripatoloxías ou cronicidade.
Presión excesiva
Fernández Leiceaga criticou a “presión excesiva” á que está sometido o sistema que está a agromar con situacións como a do falecemento dun paciente no PAC da Estrada, a dimisión en bloque dos xefes de servizo de Vigo ou a escaseza de pediatras. A estes feitos únense agora os dous falecementos en Urxencias do Hospital de Santiago, nunhas condicións “que a Fiscalía ten que determinar” logo de ter aceptado a denuncia dos médicos.
Son indicativos, explicou, da “situación límite” na que se atopa a atención sanitaria pública, que ten que afrontar ao mesmo tempo o incremento da demanda asistencial e os recortes do goberno galego, que impide aumentar os recursos ou mellorar a oganización. A Xunta, dixo, responde ao incremento do “estrés asistencial” con precariedade laboral, sen cobertura das ausencias e dificultando a activación voluntaria do traballo extraordinario”.
Apuntou que o presidente da Xunta “comeza a dar mostras de recoñecer máis dificultades reais das que sempre admitira”, pero sen embargo “a súa conciencia non evolucionou o suficiente”. Neste sentido, admitiu que o anuncio de contratación estable constitúe un “bo avance”, pero que resulta insuficiente e animou a negociar a proposta cos profesionais e sindicatos e estendela ao conxunto do sistema para reforzar tamén Atención Especializada.
Propostas
O responsable socialista advertiu que os Orzamentos da Xunta “impiden” levar adiante os anuncios do presidente da Xunta e as melloras que necesita o sistema. Leiceaga presentou unha batería de propostas para mellorar o sistema, cun Plan Especial para reforzar a Atención Primaria con máis recursos e mellorando as condicións laborais, alongando a xornada para loitar contra as listas de espera ou garantindo equipos completos nos PACs e evitar situacións como a da Estrada.
Cualificou tamén de “razoable” a demanda dos profesionais dos PACs, que piden limitar a 30 o número de pacientes atendidos por xornada, así como de reforzar a autonomía organizativa da Atención Primaria. De nada vale, dixo, que o presidente da Xunta “admita timidamente que queren recuperar a autonomía para a Atención Primaria” cando “non o fai de verdade” negándose a crear xerencias específicas.
Tamén propuxo reforzar a Atención Especializada incrementando a presenza de MIR, aumentando os recursos para reforzar a súa capacidade organizativa ou cun Plan especial de reforzo das áreas coas maiores listas de espera, como é o caso de Vigo.