A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, urxiu hoxe ao goberno galego a realizar unha nova inspección na residencia de maiores de Trives, en Ourense, para comprobar o estado das instalacións e as condicións do persoal que traballa nela. Advertiu que o centro incumpre actualmente os requisitos mínimos de persoal fixados polas ordes do goberno galego de 13 de abril de 2007 e de 20 de xullo de 2010 que regulan os requisitos destes centros.
O Centro de Maiores de Trives, apunta, incumpre a obriga de contar con presenza localizada de persoal médico e presenza física de ATS ou DUE as 24 horas, obrigada para os centros de máis de 40 prazas. A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas logo de constatar que este centro carece tanto de médico localizado como de ATS ou DUE as 24 horas.
Ademais, reclamou información sobre o persoal que traballa no centro, que actualmente dispón dunha auxiliar de clínica e unha axudante para atender a 60 persoas ás que teñen que asear, alimentar nos casos de residentes con mobilidade reducida, e subministrarlles a medicación sen ningún tipo de apoio de persoal de enfermaría.
Blanco lembrou que a normativa determina unha ratio de 0,20 traballadores a xornada completa por cada residente con autonomía e de 0,35 por cada residente dependente. Isto significa que debería haber un traballador ou traballadora por cada 5 residentes autónomos ou por cada 3 dependentes.
Esixiulle ao goberno galego que inspeccione este centro e tome as medidas precisas para subsanar as deficiencias que teñan comprobado, ademais de reforzar o labor inspector para garantir o cumprimento dos requisitos fixados polo propio goberno galego. Advertiu que de negarse estará sendo “cómplice” dunha situación que ten sido sinalada polo Consello de Contas no seu informe do ano 2016, feito público en xullo de 2018.
O ente fiscalizador advertiu das graves deficiencias na xestión dos centros residenciais, sinaladamente aqueles coa súa xestión privatizada, debido aos incumprimentos en materia de persoal. Lamenta que o goberno galego “non teña feito nada” logo de coñecer da situación dos centros de maiores en Galicia, onde a ratio de prazas é inferior á media estatal, está moi por debaixo das recomendacións da OMS e cun incremento preocupante das prazas privadas.