Os deputados Patricia Otero, Begoña Rodríguez Rumbo e José Manuel Pérez Seco mantiveron unha xuntanza co comité de empresa de Endesa e comprometéronse a trasladar a súa situación aos socialistas nas Cortes
As Pontes, 4 de xaneiro de 2019. O Grupo Parlamentario Socialista amosou este venres o seu “compromiso” cos traballadores de Endesa e o seu “apoio” para lograr que se retomen as negociacións encamiñadas a aprobar un convenio colectivo que “manteña” os beneficios sociais.
Así o explicitaron os deputados do PSdeG Patricia Otero, Begoña Rodríguez Rumbo e José Manuel Pérez Seco tras manter unha xuntanza co comité de empresa, na que, entre outras cuestións, comprometéronse a trasladar a súa situación ao Grupo Socialista no Congreso e no Senado.
Ademais, Patricia Otero, voceira de Emprego, apostou por impulsar no Parlamento iniciativas que poidan ter o apoio de toda a Cámara para “dar unha maior visibilidade á problemática” destes traballadores, a fin que a empresa acepte seguir negociando. Tamén nesa liña, reclamou “implicación” da Xunta e que poña en marcha “os mecanismos necesarios para facilitar que as partes limen asperezas”.
Pola súa banda, Begoña Rodríguez Rumbo amosouse de acordo con que “os beneficios sociais non son cuestionables” e que “deben ser un punto de chegada, non de partida”. É por iso que avanzou iniciativas parlamentarias encamiñadas a que empresa e sindicatos “volvan sentar a negociar”.
Finalmente, José Manuel Pérez Seco, veciño da comarca, manifestou que está “sentindo os efectos desta situación” que viven os traballadores de Endesa e ofreceu “toda a axuda necesaria” para que se retomen as negociacións do convenio e “se poida chegar a bo porto”.