A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou hoxe á Xunta de ter “conxelada” a memoria histórica en Galicia porque “lles ten custe ideolóxico”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión na que criticou a clamorosa ausencia da Xunta no I Encontro da Rede Interautonómica de Memoria Histórica, celebrada a mediados de marzo en Pamplona.
“Dígame se non había un só secretario xeral ou director xeral que puidera ir a aquela reunión”, espetoulle hoxe ao goberno galego antes de sinalar que a realidade é que “non tiveron ningunha vontade” de participar. Denunciou que “non queren levar á práctica a política de memoria histórica”, na que “non fixeron absolutamente nada”.
Burgo lamentou que o único balance que poida presentar o goberno galego neste sentido sexa “un relatorio de proposicións non de Lei aprobadas, pero sobre as que aínda non fixeron nada”, como “tampouco fixeron nada sobre a Proposta de Resolución aprobada en 2017 para acordar coa Fegamp a retirada de símbolos franquistas”.
A Xuntanza de Pamplona, lembrou, serviu para consolidar a rede e trazar liñas de colaboración, e as 13 comunidades autónomas amosaron a súa dispoñibilidade a colaborar na localización de familiares de presos do Forte de San Cristóbal, onde estiveron recluídos máis de 700 galegos e “moitos atoparon a morte”.
A xuntanza rematou coa sinatura dunha declaración institucional condenando o golpe militar de 1936 e a ditadura franquista, amosando o compromiso coa memoria e reiterando o compromiso co dereito das vítimas á verdade, a xustiza e a reparación, que coa súa ausencia o goberno galego eludiu asinar.