O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, visitou hoxe o Centro de Saúde de Vedra, onde levan dende comezos de novembro sen un dos tres médicos que teñen asignado. Advertiu que este caso evidencia que o conselleiro de Sanidade “maltrata” á Atención Primaria e a sitúa “como a cincenta do sistema”, cando é “a porta de entrada no sistema e provedora de servizos para a familias”.
Sinalou que a cadea de problemas que están a padecer na sanidade pública amosa que “asistimos á explosión da burbulla de ficción” sobre o sistema sanitario “montada nos últimos anos”. O “estrés por axustes” e a “mala xestión” continuada nos últimos dez anos provocan que o sistema sanitario estea a “rebentar por todas partes”, con problemas máis significativos como a dimisión en bloque de xefes de servizo de Vigo e un rosario de complicacións en toda Galicia.
O portavoz socialista reclamou o reforzo da xestión sanitaria para “evitar problemas como o que sucedeu na Estrada”, onde no mes de agosto faleceu un paciente agardando a que o único médico dispoñible volvera dun servizo no exterior do PAC. Reclamou “reforzar a atención primaria e cambiar as políticas da Xunta”, que pasa por “cambiar aos xestores” responsables do servizo.
Fernández Leiceaga instou ao conselleiro de Sanidade a “tomar nota e ver o papel” que está a desempeñar, e que valore “se non se está convertendo máis nun problema para atender ás necesidades da sanidade pública” que nunha solución.
Vedra
Os socialistas levarán ao Parlamento o problema do Centro de Saúde de Vedra onde, segundo explicou hoxe a portavoz socialista no Concello, Beatriz Amenal, hai dende comezos de novembro un médico menos dos 3 que lles corresponden pola negativa do goberno a designar facultativos para cubrir as baixas e vacacións do persoal. Lamentou ademais o caso omiso que o alcalde da localidade fai ás alertas da oposición local, que son adiadas “dunha semana á outra”.
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, sinalou que o caso deste Concello resulta “paradigmático do deterioro profundo do sistema” e que está a evidenciarse nas protestas cada vez máis xeneralizadas dos profesionais. Sinalou que “ninguén atende á realidade do sistema, os profesionais non son substituídos, aumentan as esperas e hai dificultades na atención e o mantemento dos Centros de Saúde que a Xunta non asume”.
Sinalou que a Atención Primaria préstase nunhas “condicións cada vez peores”, o conselleiro está “agochado e desaparecido”, mentres os cidadáns padecen as esperas sen obter explicacións de por que non se cobren as substitucións de facultativos e o alcalde “toma nota pero non fai xestións” para resolver a situación.