O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe a Feijóo que impulse o diálogo social cos sindicatos para mellorar as condicións do mercado laboral e duplique as OPEs para reducir a precariedade na contratación pública. Así llelo dixo na sesión de control ao presidente da Xunta na que lle responsabilizou da aceleración da desigualdade social dende 2009.
Fernández Leiceaga sinalou que “hai demasiados dos nosos compatriotas pelexando para chegar a fin de mes e que necesitan algo máis de empatía”. Lamentou que o presidente da Xunta reserve a súa “simpatía política” para axudar aos 723 galegos con máis de 5,5 millóns de euros de patrimonio neto e que veranse beneficiados con 2.000 euros pola redución do imposto anunciada pola Xunta.
O portavoz socialista acusou ao presidente da Xunta de provocar o coñecido como Efecto Mateo, a denominación sociolóxica da acumulación de bens –“o que ten daráselle e terá máis. Pero ao que non ten, aínda iso lle será quitado”, Mateo 13,12-. Por iso, dixo, critica a suba do salario mínimo que o PP considera “demasiado xenerosa” e prediquen “apertar o cinto” aos 175.000 galegos e galegas que perciben menos de 9.000 euros ao ano.
Explicou en ton irónico que o presidente da Xunta quere “aliviar” ás grandes fortunas do imposto de Patrimonio e opoñerse á suba do SMI pa a “axudarlles a chegar a fin de mes” e aliviar as cargas salariais de “tanto chófer, traballador do fogar, xardiñeiro”. O que quere, continuou, é “axudarlles a afrontar os gastos extra, porque Nova Iorque está moi cara (…), a Axencia Tributaria refórzase para reducir a elusión fiscal, que hai que pagar Sociedades e Suíza non é o que era”.
O responsable socialista reclamoulle ao presidente da Xunta que elimine a redución do 20 por cento nas tarifas do imposto do patrimonio, recuperando os ingresos do goberno galego, porque “aínda está a tempo de equilibrar socialmente o seu orzamento de 2019” e preguntoulle se “pretende ser coñecido como o presidente das grandes fortunas.
Desigualdade social
Xoaquín Fernández Leiceaga presentou hoxe as cifras oficiais para sinalar o “avance da desigualdade” dende a chegada de Feijóo ao goberno galego e para sinalar que “non ten na axenda” ningún tipo de xestión dirixida a “mitigar” este fenómeno e “paliar as súas consecuencias”. Explicou que o índice 80/20 de distribución da renda da enquisa de condicións de vida do INE apunta que a desigualdade aumentou dende 2008 dende o 4,5 ao 5,8.
No mesmo sentido, de acordo coas Contas Económicas Trimestrais do IGE, a remuneración dos asalariados era o 48 por cento da renda en 2009 e agora é do 42,7 por cento, mentres os excedentes de explotación tiveron “o movemento contrario”. Isto significa que “as rendas do capital aumentan, e os que máis teñen reforzan a súa posición, mentres as rendas do traballo retroceden”.
A enquisa de estrutura salarial do INE, finalmente, revela que os salarios máis baixos son “máis baixos hoxe que antes da crise”, mentres os salarios máis altos incrementáronse nun 10 por cento, porque “o nivel de precariedade é excesivo na entrada ao mercado laboral, e o 70 por cento do novo emprego apenas chega aos 1.000 euros mensuais.
Apunta que a mocidade, entre 18 e 25 anos, viu reducirse o seu salario medio anual nun 25 por cento dende 2008 ate cobrar só 6.558 euros anuais de media, mentres os que teñen entre 56 e 65 anos incrementaron o seu salario medio anual nun 5 por cento dende 2008.
Concluíu que con Feijóo “a desigualdade social aumenta, os propietarios e os salarios altos melloraron fronte aos asalariados e aos traballadores precarios, e o deterioro salarial e de condicións de vida “cebouse na mocidade”, xa que a taxa de risco de pobreza entre 16 e 24 anos multiplica por 2,5 á dos maiores de 65.