A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou o “rodillo” do PP ao vetar unha Lei socialista para implantar a responsabilidade social nas empresas que contraten coa Xunta. A responsable socialista defendeu hoxe no pleno do Parlamento a Toma en consideración da “Lei de responsabilidade social galega” que nos achegase a “Europa 2020”.
Esta lei, explicou, tería como obxectivo unha sociedade “mais xusta e sostible” baseándose en catro piares: “Mellora das condicións do emprego, integración social, sostibilidade medioambiental e practicas de bo goberno”. A deputada socialista defendeu que esta lei obrigaría á Xunta a deixar de plantexar medidas que so quedan en “papel en mollado” e comezar a “vertebrar” a todos os sectores da cidadanía galega para entre todos construír unha sociedade mais “xusta e sostible”.
Sinalou que o obxectivo é regular a Responsabilidade Social no sector público e privado e fomentar o emprego de calidade, respecto ao medio ambiente, integración social e transparencia no goberno.
A nivel de emprego busca fomentar a mellora de condicións laborais, o impulso do emprego estable, da formación continua, o diálogo social ou o autoemprego en condicións adecuadas. Dende o punto de vista social, os criterios son a inclusión de colectivos desfavorecidos, a igualdade de xénero e igualdade de trato e de retribucións e o impulso de conciliación familiar e laboral e a accesibilidade.
Tamén quere premiar ás empresas e entidades que dirixan os seus esforzos na redución do impacto medioambiental e a pegada de carbono, defendan o consumo responsable e a preservación do ecosistema, a paisaxe e o patrimonio natural.
Finalmente, dende o punto de vista da calidade de goberno e transparencia, impulsa a aplicación de códigos éticos, a transparencia na xestión, a mellora da calidade, a redución de cargas administrativas ou a contratación pública socialmente responsable.
Plan Galego
Rodríguez Rumbo explicou que esta proposición de Lei diríxese especificamente ao goberno galego para obrigar á elaboración dun Plan Galego de Responsabilidade Social a modo de instrumento de xestión da administración autonómica. Tamén obriga a presentar unha Memoria Anual, a constitución do Consello Galego de Responsabilidade Social e a organización dos premios de Responsabilidade Social de Galicia, como medio de impulso destas prácticas.
De cara ás empresas, propón “premiar” a incorporación de aspectos éticos, sociais, laborais e medioambientais nas entidades galegas, establecendo un distintivo específico, un rexistro de entidades que respecten estes criterios e que sexan polo tanto acredoras de beneficios á hora de por exemplo contratar coa administración.