O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe a devolución dos Orzamentos da Xunta fracasados a nivel social e económico e que son fiscalmente regresivos. Así o dixo no debate de Totalidade das contas do goberno para 2019, que continúan o seu trámite parlamentario co único voto favorable do PP.
O responsable socialista pediu a devolución duns orzamentos que, explicou, “non reforzan de forma suficiente as partidas para resolver as carencias da nosa sociedade, renuncian á aposta pola modernización da estrutura económica e pola súa regresividade en materia de impostos”. Explicou que “non compartimos a diagnose da Xunta sobre a situación socioeconómica de Galicia, discrepamos nas prioridades e consideramos incongruentes os medios que utilizan”.
En resume, dixo que o goberno de Feijóo emprega a Lei de Orzamentos “non como un instrumento de acción, senón como un instrumento de propaganda”. Sinalou así á “visión compracente” do goberno galego, que se presenta “no mellor dos mundos posibles”, cando a realidade é que “a día de hoxe as feridas abertas pola crise non están pechadas”, como son a fractura social, territorial, de xénero e xeracional, ningunha delas ben tratadas”.
Fernández Leiceaga reivindicou un “reformismo profundo” fronte ao “orzamento da compracencia” baseado no “pesimismo dos reaccionarios” no que situou ao goberno galego, segundo a expresión propia do economista Keynes, para “non cambiar nada para manter o equilibro fráxil”. Apuntou así á situación demográfica de Galicia, que acadou o mínimo histórico de nacementos en 2017, dende o máximo de 2008 –baixo o goberno do socialista Pérez Touriño-.
Criticou a compracencia do goberno galego, que louva a xestión demográfica mentres Galicia galopa a caer ata os 2 millóns de habitantes en cuestión de décadas. Fronte a esta pasividade, reivindicou un “cambio radical nas condicións de vida da mocidade, sinaladamente en relación ao emprego, a vivenda, os servizos sociais, ou a formación.
Algo semellante sucede co emprego, con 77.000 postos de traballo menos que en 2009, cando de medrar ao ritmo do Estado hoxe habería en Galicia 90.000 empregos máis. A Xunta, dixo, opta por “retirarlle combustible” ás posibilidades de creación de emprego de calidade de Galicia, ao presentar “parches orzamentarios sen garantías de execución”.
Reivindicou un “xiro rotundo” en política industrial, innovación, formación ou infraestruturas, reforzando a política de inserción laboral, a imposición de cláusulas sociais nos contratos do goberno galego e o acotamento da precariedade, que “desincentiva a formación e a implicación dos traballadores”.
Servizos sociais
Fernández Leiceaga criticou que a política orzamentaria do goberno galego teña renunciado a aplicar unha mellora substancial dos servizos a disposición dos cidadáns, que mantén por debaixo do gasto total, co que “no mellor dos casos repiten a situación do ano pasado”. Así, as axudas ao estudo mantéñense por debaixo do IPC e a planificación de construción de centros resulta “insuficiente”.
Os socialistas reclamaron o impulso dos programas de inserción laboral de estudantes, e axudas para que os estudantes de centros públicos poidan viaxar ao estranxeiro, así como a gratuidade da primeira matrícula universitaria, ou a recuperación de bolsas de mestrados.
O responsable socialista lamentou a compracencia do goberno galego cando a sanidade galega é a terceira peor valorada do Estado, e cando o 75 por cento dos galegos e das galegas urxen a tomar cambios no Sergas. Unha situación á que a Xunta responde cun “incremento ridículo” en Atención primaria, agochando que a pesares dos anuncios de OPE a realidade é que en 2019 terá 58 traballadores menos que en 2018.
Fernández Leiceaga apuntou á difícil situación dos traballadores da sanidade pública, cunha precariedade cronificada e casos que acumulan ata 10 anos con máis de 600 contratos coa sanidade pública. Trátase dunha xeración enteira de traballadores “escravos das listas de contratación”.
En materia de servizos sociais, dixo, o goberno galego adoece dunha “dependencia excesiva das transferencias condicionadas por parte da administración central”, con “demasiadas feridas pendentes de suturar” e, puxo como exemplo, coas promesas de novas residencias públicas para as cidades galegas.
É o caso do reforzo orzamentario da Secretaría Xeral de Igualdade, cando “todo procede do Estado”, ao igual que no caso de políticas de emprego, vivenda ou Dependencia, que a Xunta anuncia cando a realidade é que reducen o gasto propio grazas ao incremento de fondos finalistas do goberno de Pedro Sánchez.
Infraestruturas
Acusou á Xunta de “tirar a toalla” en materia de infraestruturas, deixando as principais partidas sen executar e cunha “reprogramación de estradas fenomenal” trasladando dun ano ao seguinte. Neste sentido, as 6 obras máis importantes do goberno galego tiñan previsto gastar 10 millóns en 2018 pero executaron “cero”, co que reprogramaron as partidas para incluír 14 millóns en 2019.
É o caso, dixo, da VAC Costa Norte, ou do Plan Move, que “non é que mova persoas e mercadorías, senón que o único que move son recursos orzamentarios dun ano para outro sen executalos”.
Finalmente, criticou o “relato heroico pero fantástico” dun Feijóo que “cun enorme esforzo de austeridade colleu á Xunta quebrada e traernos á praia”. Agochan, dixo, que pasaron de deberlle 3.381 millóns a acredores a longo prazo en 2008 a 10.603 hoxe, reduciron as reservas de 5.546 millóns a 1.272 no mesmo prazo, e os fondos propios pasaron de 4.384 millóns a situalos hoxe en negativo.
Trátase, sinalou, dun “enorme endebedamento sen capacidade de preparar o futuro” mentres “pásanse de freada” á hora de aproveitar o déficit que permite a UE, que suporía “pouco endebedamento novo” e co que a ratio débeda – PIB seguiría baixando. Mentres, dixo, inciden nunha política fiscal “regresiva” anunciando a redución do imposto do Patrimonio que en realidade afecta unicamente ao 0,25 por cento da cidadanía, ás maiores fortunas de Galicia.