O deputado socialista Julio Torrado instoulle esta mañá á Xunta a intensificar a inclusión da materia de xadrez nas aulas e recordou os múltiples beneficios que este ten para o desenvolvemento cognitivo e social dos rapaces e rapazas. No debate dunha pregunta en Comisión, advertiu da falla de recursos e formación de profesorado destinado a esta materia e reclamou o cumprimento do establecido na Orde do 15 de xullo do 2015 que a regula.
Torrado enxalzou as virtudes do xadrez para a formación, tanto educativa como persoal, dos estudantes, destacando a potenciación das capacidades cognitivas e sociais, o papel que pode ocupar como ferramenta de desenvolvemento emocional e psicosocial e a axuda que proporciona no desenrolo do sistema de toma de decisións.
O representante socialista pediu unha maior proactividade da Xunta para superar a situación de estancamento na que está na actualidade, para o cal precisaríase dunha maior formación a docentes e recursos para o desenvolvemento da materia. O obxectivo é pasar da formalidade do papel a unha implantación real.
Comparou esta situación de estanque coa doutras autonomías mais avanzadas na materia como Andalucía e Canarias e resaltou a especial importancia que ten en Galicia o deporte, tanto en número de federados como no nivel destes.