O secretario xeral do PSdeG urxe “explicacións” a Feijóo de “por que os intereses privados dunha empresa se puxeron por riba dos intereses da bisbarra de Ferrol”
Santiago, 14 de novembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou este mércores que “o nivel de corrupción do PP só é superado polo seu cinismo político”, que se evidencia en declaracións como as do presidente da Xunta que “non son aceptables”.
“Que o PP intente dar leccións en materia de loita contra a corrupción non resulta crible”, remarcou o líder dos socialistas en rolda de prensa, consciente dos “problemas de corrupción que inundan” á dereita.
Aludiu así á sentenza da Gürtel, que reflexa un sistema de “corrupción institucionalizada”, ou as propias palabras de Pablo Crespo en sede parlamentaria sobre “a utilización de sobresoldos de forma continua” ou o pago con diñeiro negro para “o 65% das campañas” en Galicia.
Sobre estes “mecanismos de financiamento non legales” instou Gonzalo Caballero a Feijóo a dar “explicacións” á cidadanía e a “poñerse ante o espello” antes de sinalar a outras formacións.
“FRAGATAZO”
Nesa liña de requirir explicacións, o secretario xeral do PSdeG urxiu ao presidente da Xunta a aclarar “por que os intereses privados dunha empresa se puxeron por riba dos intereses da bisbarra de Ferrol” ao deixar en suspenso o encargo das fragatas do asteleiro público.
“Que lle pregunte a Rajoy, a Cospedal e a Morenés”, incidiu Gonzalo Caballero, “por que cando o PP gobernaba España se poñían os intereses privados dunha empresa de armamento que tivo ao exministro como alto dirixente” por riba dos xerais.