A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, alertou das “graves consecuencias medioambientais e patrimoniais” da intención do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, de adquirir os terreos da empresa Duchess para construír un novo vial de entrada e saída de camións e establecer no litoral de Rande –Redondela- unha base loxística e de reparación de contedores en plena Rede Natura.
Vilán presentou unha iniciativa na Comisión de Infraestruturas do Parlamento para preguntarlle ao presidente de Portos de Galicia sobre a proposta da Autoridade Portuaria de Vigo de crear no litoral de Rande unha base de loxística e de almacenamento de contedores. Explicou que os terreos, situados en plena Rede Natura 2000, destacan por unha gran importancia ambiental, ademais dun valor histórico e cultural debido os monumentos arqueolóxicos da zona.
A responsable socialista trasladou á Cámara a vontade contraria dos redondeláns, expresada na moción unánime aprobada no Concello, contra unha medida que empeoraría a calidade de vida da zona, precisamente no aniversario da catástrofe do Prestige.
Ademais das obras necesarias, dixo, o aumento do fluxo de transporte pesado traduciríase nun aumento dos ruídos diúrnos e nocturnos, vibracións permanentes, fortes cheiros e aumento das emisións de CO2. Vilán explicou que a iso hai que sumarlle as consecuencias do almacenamento dos contedores, que ademais dun deterioro da paisaxe suporían unha concentración de residuos e un foco de acumulación de parasitos.
A parlamentaria socialista lembrou na súa intervención as emendas aos orzamentos do Estado realizado polo grupo socialista no ano 2015 que buscaban a recuperación e habilitación do Cargadoiro da Pedra para o seu uso turístico.