A deputada socialista Patricia Vilán urxiulle hoxe ao goberno galego que reforce o persoal médico do Concello de Soutomaior, que actualmente reparte 3 médicos de familia e 1 pediatra entre os dous centros de saúde dos que dispón, en Romariz e Arcade. Vilán levou ao Parlamento a petición dos veciños do Concello, que así o teñen reclamado nunha concentración a comezos de setembro.
A responsable socialista advertiu da difícil situación dun Concello de 7.500 habitantes, incapaz de cadrar as baixas ou vacacións dos facultativos, e que no verán ten que desprazar aos nenos e nenas a ser atendidos en Vilaboa, cunhas esperas de entre 7 e 10 días.
Esixiulle ao goberno galego que “escoiten aos veciños e veciñas” do Concello, que ademais da manifestación do pasado mes de setembro, “na que participaron o alcalde e os concelleiros do PP, agochados, pero aí estaban”, e que volverán manifestarse o 21 de outubro.
Criticou que a Xunta “veña defender a ratio de médicos por habitante”, cando no verán “directamente quedan sen pediatra”, e ten sucedido que “Romariz estivo 12 días sen médico, mentres en Arcade había unha médica atendendo aos seus pacientes e aos do compañeiro que tivera que facer saídas a domicilio”.