A portavoz de Política Social do Grupo socialista, Noela Blanco, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei do Grupo Socialista na que reclamaba “incrementar de maneira urxente” as prazas en residencias de maiores públicas. Blanco presentou esta iniciativa logo do informe do Consello de Contas que evidencia a alarmante falla de recursos públicos e a perda de calidade.
Blanco acusou ao PP de “alimentar ao sector privado na atención a estas persoas mentres se deixa famélico ao noso sistema público de atención aos maiores”, e que “mentres incrementan o número de prazas privadas, o número de inspectores non aumentaron”. Sinalou que “os centros privados campan ás súas anchas na nosa Comunidade Autónoma coa complicidade do goberno galego”, que nin sanciona nin subsana as deficiencia.
Os socialistas galegos reclamaron incrementar de maneira urxente o número de prazas en residencias de maiores de xestión pública, con novos centros e optimizando os xa existentes ata equiparar a media estatal ao final da lexislatura. Tamén reclamoulle que “abandonen a complicidade cos centros privados que non cumpren as normas, dotando aos centros públicos dos recursos humanos e materiais necesarios”.
Explicou que o propio Consello de Contas evidencia que a Xunta de Feijóo creou “cero” residencias de maiores xestionadas con medios propios, e, de feito, as prazas vense reducidas “nun sete por cento”, mentres as de residencias privadas e concertadas rexistran un aumento “dun nove por cento”. Todo isto, a pesares de que o custe para o erario público das prazas concertadas é “un oito por cento” superior ao das públicas.
Residencia de Lobios
Blanco puxo como exemplo da “privatización” e das “amizades perigosas” do PP a xestión da Residencia de Lobios, finalmente construída pola Fundación San Rosendo, presidida por Benigno Moure. Trátase, explicou, “dun crego condeado a cinco anos de prisión en 2008 por estafarlle 573.000 euros a unha muller con alzheimer ingresada nun dos xeriátricos que xestionaba.
Aquel diñeiro, sinala, foille arrebatado á enferma para ser ingresado na conta bancaria da entidade, e que tamén traspasou á Fundación a titularidade dunhas 60 propiedades, mentres o PP de Ourense “manifestábase en 2011 para pedir que non fora enviado a prisión”.