O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, tildou hoxe de “desalmado” ao PP por vetar unha proposición non de Lei do Grupo Socialista na que lle reclamaban cumprir coas recomendacións do informe do Defensor del Pueblo sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo.
Torrado reclamoulle hoxe ao goberno galego máis recursos e control sobre as prácticas detectadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo nun informe que reflicte estadías de máis de 30 anos sen ratificación clínica ou denuncias de castigos.
O responsable socialista explicou algunhas das prácticas sinaladas polo Defensor del Pueblo, que apuntou ademais á falla de control oficial dos pacientes, falla de seguimento, fallos documentais graves nos expedientes ou mesmo o uso de medidas de contención nunhas instalacións que nin sequera son adecuadas.
Torrado alertou da existencia de suicidios, queixas e reclamacións contra un centro que atende a 221 pacientes, e que foi suxeito deste informe que conclúe “con elevada dureza” amosando “unha realidade que necesita ser analizada con extremo detalle”. Sinala que bo número das recomendacións “non teñen recibido resposta nin proposta de mellora por parte da Xunta, responsable do centro”.
Os socialistas galegos reclamaron hoxe que o goberno galego asuma as suxestións propostas polo Mecanismo Nacional para la Prevención de la Tortura da Oficina do Defensor del Pueblo, logo desta visita realizada en novembro de 2017.
Este informe solicita limitar o uso de medidas de contención, adecuar e mellorar as instalacións e a dotación do centro, reformar o sistema de documentación e arquivo e mellorar a avaliación ou actualizar os expedientes.