A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, criticou hoxe a “fuxida cara adiante” do goberno galego co seu compromiso de traer a Galicia o Laboratorio de Control Bacteriolóxico de Bivalvos. Na comparecencia da directora do Intecmar hoxe no Parlamento, Toja aludiu á noticia coñecida hai escasos días pola que Bruxelas negou xestións coa Xunta para reunificar en Galicia o centro de bivalvos.
A responsable socialista advertiu que Bruxelas “deixa en evidencia unha vez máis ao Goberno Galego”, que defendeu por boca do propio Feijóo que o Laboratorio, que sairía do Reino Unido logo do Brexit, se aloxaría no Intecmar cando xa sabía que España nin sequera o tiña solicitado e mesmo que votara a favor da súa desaparición.
Feijóo, lembrou, fixo o anuncio da candidatura deste órgano coincidindo coa celebración dos dez anos do Intecmar, o pasado 24 de novembro en Vilanova de Arousa, cando dende mediados daquel mes xa sabían que o Goberno central non presentara a candidatura diante da UE e que o laboratorio sería desmantelado.
Explicou de novo que o Ministerio de Sanidade votou o 18 de outubro en Bruxelas a favor da disolución do laboratorio, que ata o Brexit estaba localizado no Reino Unido, mentres Feijóo anunciaba publicamente a candidatura na sede do Intecmar máis dun mes despois.
Saneamento das rías
A responsable socialista lembroulle tamén á titular do Intecmar que un dos seus obxectivos é o de protexer e mellorar a calidade das augas, e sinalou a “gran preocupación sobre o estado do saneamento das rías galegas”. Explicou que a contaminación e o mal estado das augas provocan a caída da produción marisqueira, tanto pola redución do tamaño como da cantidade da extracción.
Censurou o “desleixo” da Xunta na atención ás rías galegas, tal e como ten denunciado reiteradamente a UE, con sancións ao Estado pola situación destas rías. Advertiu que o sector marisqueiro “comproba con tristura como existen promesas continuamente incumpridas sobre medidas de saneamento”, mentres descende a produtividade, redúcense os permisos marisqueiros e a Xunta renuncia a rexenerar as zonas afectadas.
Apelou así aos casos da caída de produción de longueirón en Fisterra, marisco tirado ao mar en Camariñas, risco de perda dos mexillóns en Moaña ou lodos tóxicos na Ría do Burgo, tal e como constata o estudo de impacto ambiental realizado polo Goberno central. Acusou ao PP de deixar sen licitar o proxecto de dragado da ría logo de facer saneamento só en algúns puntos da ribeira.