O deputado coruñés do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Juan Díaz Villoslada, reclamou hoxe unha auditoría da xestión de tráficos e económico – financeira e comercial do Porto Exterior de A Coruña. O responsable socialista esixiulle hoxe a Feijóo e ao presidente da Autoridade Portuaria de A Coruña que “rendan contas ante a cidade e o conxunto da cidadanía”.
Díaz Villoslada cuestiona a “capacidade de xestión que non demostraron na posta en marcha de Punta Langosteira”, e lembra o informe de fiscalización elaborado polo Tribunal de Cuentas, quen analizou os exercicios 2012 a 2014. Aquel informe acreditou a “incapacidade de xerar ingresos previstos”, o que impedía mellorar os resultados de explotación e os niveis de endebedamento, daquela estancados dende 2011.
O responsable socialista esixiulle tanto ao presidente da Xunta como ao presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, que “asuman responsabilidades na xestión do sistema portuario de A Coruña e que conten coa cidade para deseñar o futuro da nova fachada interior”, e non “ninguneando” como fixeron, dixo, no protocolo asinado en abril.
Lembrou neste sentido os “fracasos consecutivos” da xestión de Feijóo e do responsable do Porto na instalación empresarial, primeiro, do grupo chino E3, que prevía investir 270 millóns e que decaeu dous anos e medio despois. A continuación foi Pemex, con quen Feijóo asinara un acordo “histórico” en 2012 para instalar unha planta de mestura de hidrocarburos á que finalmente renunciou o grupo mexicano.
Díaz Villoslada reclama “saber con que previsións contan e en que punto se atopa o proxecto Oil Corunna Deposit”, unha terminal de hidrocarburos que anuncia 30,8 millóns de investimento en 44.000 metros cadrados. O deputado socialista reclama coñecer “se as previsións van seguir o mesmo camiño dos fracasos anteriores”.
Apuntou que “sempre apostamos pola seguridade da cidade e por posicionar ao Porto de A Coruña no arco Atlántico, precisamente a aposta que se fixo coa posta en marcha de Punta Langosteira. Reiterou a necesidade de revisar os convenios de financiamento de 2004 e a colaboración entre as institucións “a través de fórmulas consorciais nas que a cidade teña o protagonismo que merece”.