O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, mantivo hoxe un encontro cos responsables socialistas do Concello de Barro no comezo da campaña de recollida de sinaturas para reclamarlle á Xunta un novo Centro de Saúde. Torrado presentou as propostas socialistas para recuperar a calidade perdida na sanidade pública logo dos recortes drásticos aplicados polo goberno de Feijóo.
O responsable socialista reclamou así un Plan de Persoal que remate coa precariedade que está a poñer todo o sistema sanitario nun estado crítico. Hoxe, advertiu, a sanidade pública galega ten un índice de precariedade do 26 por cento, mentres a única resposta do conselleiro é que “é o que hai, hai que traballar por horas e por días”.
Torrado sinalou que “non podemos condenar a 10 anos de traballos forzados aos que entran na sanidade pública con baixos salarios, precariedade e desprazamentos frecuentes sen saber o que vai ocorrer mañá”. Esta situación provoca a saturación dos servizos de atención primaria e por derivación a especializada e as urxencias, chegando a situacións dramáticas como as que temos vivido neste verán pola falta de facultativos.
A precariedade, a falla de persoal, as críticas vertidas polos colexios médicos, xunto cos problemas de pediatría e atención primaria sitúan á sanidade galega, segundo o último barómetro do CIS, entre “as tres peores” de España. En paralelo, proseguiu, o Consello de Contas, “como cada ano”, denuncia “opacidade” e “distorsión” nos orzamentos de Sanidade, que están sendo “trampeados”.
Reclamou “máis compromiso, máis orzamento e recursos e vontade política decidida para cambiar a inercia do sistema sanitario público nos últimos anos”, sumando á demanda do Plan de Persoal Sanitario a aprobación dun catálogo de servizos mínimos e a reforma da Lei de Garantías Sanitarias para frear as derivacións á privada.
Centro de Saúde Barro
O responsable socialista respaldou hoxe a petición dos socialistas do Concello de Barro para construír un novo Centro de Saúde que permita superar a situación “límite” da sanidade pública neste Concello. Advertiu que hoxe non se cobren as baixas nin as vacacións do persoal sanitario nun centro que ademais suma importantes problemas estruturais.
Apuntou neste sentido da nula accesibilidade dun Centro de Saúde que carece de ascensor, no que os facultativos non poden introducir as camillas nas consultas, polo que se ven obrigados a atender aos pacientes nos rellanos. Reclamoulle á Xunta que recupere as labores de mantemento dos centros de saúde municipais xa que, lembrou, trátase dunha competencia autonómica.