O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición no de Lei presentada en Comisión parlamentaria para garantir a confidencialidade na reserva de prazas a persoas con discapacidade que concorren aos concursos de persoal da Consellería de Sanidade.
O responsable socialista advertiu que, en contra do argumento do PP, “é posible obviar ese tipo de información sen prexudicar á transparencia”, garantindo así a confidencialidade e “evitando etiquetas” para as persoas que concorren nos procesos selectivos.
Torrado lembrou que hoxe as resolucións públicas de persoal con nomes e datos das persoas “inclúen referencias ao eido polo cal as persoas concursan ou participan nos concursos”, e dentro das mesmas “existe reserva de praza para as persoas con discapacidade, que son identificadas deste xeito nas convocatorias”.
Esta situación provoca que estas persoas se vexan “sinaladas” cunha información innecesaria que “sería preciso tratar doutro xeito para evitar unha información incómoda, molesta, que moitas persoas non teñen por que ofrecerlle ao público”. Preguntou neste sentido “que pasaría se o día de mañá existira unha reserva de praza para vítimas de terrorismo ou de violencia de xénero que requiren garantir o seu anonimato”.
Os socialistas propuxeron así “novos métodos de publicacións das resolucións” destes concursos que “permita identificar datos” necesarios pero “garanta a confidencialidade das persoas concursantes”. Puxo como exemplo o caso da Universidade, onde os datos aparecen ligados a un código anónimo coñecido pola administración e pola persoa, que impide que sexa identificada e garante ao tempo a súa transparencia.