A portavoz de Mocidade do Grupo Socialista, Noela Blanco, lamentou o veto do PP a unha iniciativa socialista para recuperar a Casa da Xuventude de Ourense. Así o dixo no debate da proposición non de Lei do Grupo Socialista na Comisión de Política Social celebrada hoxe no Parlamento, que foi rexeitada polo voto en contra do PP.
A responsable socialista reivindicou o papel orixinal da Casa da Xuventude como “faro da liberdade, a democracia e a participación da mocidade” que acadou o seu apoxeo baixo a dirección de Benito Losada dende o seu nacemento nos anos 70. Logo do seu pasamento, dixo, o goberno galego decide poñer á fronte á curmá de Feijóo, Mercedes Valeiras, comezando un proceso de “desmantelamento e baleirado de contido”.
Acusou ao goberno galego de converter a institución na “casa do PP” comezando coa “censura de actividades, excesiva burocratizacións, redución de espazos e mesmo instalación dun Punto de Encontro Familiar e da sede do programa Lidera na mesma habendo outros espazos específicos máis acaídos en Ourense”.
Os socialistas galegos levaron ao Parlamento esta proposta coas demandas sociais articuladas a través da Plataforma Casa da Xuventude para manter e impulsar as actividades das Casas da Xuventude dependentes da Xunta, comprometéndose na recuperación do funcionamento da de Ourense en concreto.
Blanco reclamou recuperar o esquema orixinal de funcionamento da entidade, suprimindo o posto de coordinadora de actividades –o que desempeña agora mesmo Mercedes Valeiras- e restituíndo as funcións da dirección do centro. Tamén pediu fomentar a participación de asociacións e colectivos xuvenís, reactivar o Consello de Xestión e cambiar a denominación polo de “Casa da Xuventude de Benito Losada”.
Os socialistas galegos solicitaban ademais relocalizar as actividades enmarcadas no programa Lidera nos centros de emprendemento destinados especificamente a ese obxectivo e relocalizar o Punto de Encontro Familiar nun emprazamento máis idóneo.