O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, considerou hoxe “de xustiza” a transferencia da xestión da AP-9 a Galicia. Así o dixo no debate en Comisión da Lei que reivindica o traspaso desta por terceira vez, logo de ser vetada as dúas anteriores polo goberno de Rajoy e o PP no Congreso, e que foi aprobada incluíndo as cinco emendas propostas polos socialistas e que a continuación será debatida en Pleno.
O responsable socialista reivindicou unha AP-9 “xestionada dende Galicia coas peaxes máis baixas posible” e que “os galegos teñamos o control dunha infraestrutura decisiva para a nosa cohesión interna”. Dixo que a infraestrutura está “mellor xestionada dende a proximidade” atendendo ás situacións particulares de Galicia.
Fernández cuestionou a xestión da autoestrada, que nos momentos de máxima tensión en Rande amosou “serias dúbidas sobre a capacidade da concesionaria”, así como do PP dende as administracións central e autonómica. Ademais, criticou a xestión das peaxes con “criterios non exclusivamente técnicos, que provocan situacións heteroxéneas e unha situación insostible en todo o territorio”.
O parlamentario socialista sinalou a relevancia dunha xestión diferente que impida que “ocorran cousas tan insensatas como que os produtores de pementos de Padrón teñan que pagar peaxe para colocar o xénero na Coruña, pero os produtos de O Bierzo cheguen sen pagar ningún tipo de peaxe”.
Trátase da “principal liña de comunicación” que vertebra o occidente de Galicia, os 3 aeroportos, o principais portos –agás San Cibrao-, as 8 principais áreas urbanas de Galicia, o 70 por cento da cidadanía e da produción empresarial e que require dunha xestión “dende a proximidade”.