A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamou hoxe a finalización do Plan Especial de Dotación e Infraestruturas “As Costeiras”, de Baiona, incluíndo un proxecto de campo de golf que foi fortemente contestado polos veciños. Vilán presentou unha pregunta en Comisión na que advertiu que a pesares das declaracións do alcalde, aínda falta a resolución de terminación que dea “por finiquitado” o proxecto.
Vilán instou á Xunta a tomar cartas no asunto atendendo ás súas competencias no caso das modificacións puntuais dos plans xerais municipais, e para darlle seguridade xurídicas aos veciños e veciñas que se opoñen a un proxecto presentado cun estudo de impacto medioambiental insuficiente.
Daquel estudo, advirte a parlamentaria socialista, desprendíase que nin o abastecemento de auga estaba garantido na parroquia de Baredo, nin se contemplaba o impacto do mantemento nos acuíferos.
Reclamoulle ao Concello que lle dea validez xurídica ao “cambio de criterio” do alcalde, que pasou de defender o proxecto de cambio de golf a desbotar esta posibilidade logo de recibir as alegacións dos veciños e veciñas e das iniciativas parlamentarias que ten provocado.
A parlamentaria socialista lembra que a Lei do Solo, no seu artigo 60, determina que “procede unha resolución de terminación” deste proxecto, e advertiu que o propio PP incluíra unha emenda a unha iniciativa socialista sobre este asunto na que aquel grupo reclamaba “continuar coa tramitación iniciada para a avaliación ambiental estratéxica” do Plan.