O secretario xeral subliña que “todos os socialistas estamos esperanzados, ilusionados e motivados” coa nova etapa que abre en España Pedro Sánchez
A Coruña, 23 de xuño. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe na Coruña un encontro co novo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, “compañeiro e amigo dende hai anos”, no que ambos amosaron todo o respaldo ao rumbo que está dando Pedro Sánchez a España.
Un día despois da toma de posesión de Losada, Gonzalo Caballero reiteroulle os seus parabéns e trasladoulle “todo o apoio do PSdeG para traballar conxuntamente” a prol do goberno de Pedro Sánchez, “que está recuperando a ilusión” e ofrecendo “un proxecto de progreso para toda a cidadanía”.
“Neste momento de enorme satisfacción da cidadanía que quería un cambio de ciclo en España, todos os socialistas estamos nunha liña de traballo conxunto”, subliñou o líder do PSdeG, quen asegurou que “todos estamos esperanzados, ilusionados, motivados e dispostos a traballar con toda a nosa forza” para dar resposta á cidadanía que demandaba “un cambio” e “políticas de progreso”.
Ao fío diso, o secretario xeral puxo en valor un goberno “de exemplaridade e dignidade fronte aos problemas de corrupción do PP, coa prioridade no social e nas necesidades da cidadanía fronte aos recortes da dereita” e “con vontade de diálogo con todos os axentes políticos dentro do marco constitucional”.
“TRABALLO CONXUNTO”
Nesa liña de “traballo conxunto” enmarcou Gonzalo Caballero este encontro co novo delegado do Goberno, con quen sempre mantivo “una relación continua e fluída e unha total sintonía”, como ocorre con Pedro Sánchez.
Do mesmo xeito, Javier Losada explicou que este “café entre amigos” serviu para “comentar os eixos fundamentais” que se van poñer en marcha dende o Goberno de España e os asuntos específicos de Galicia.