Lugo, 27 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe, na inauguración dunha xornada de traballo, que a nova Política Agraria Común estea “suficientemente dotada” e que “priorice” aos agricultores e gandeiros.
Trátase, segundo as súas propias palabras, de “fortalecer” a PAC e de que os traballadores do sector agrario e gandeiro estean “na primeira liña”.
Coa “importancia do desenvolvemento do medio rural para a Galicia e a Europa do futuro” no foco, o líder dos socialistas galegos reclamou “apoio orzamentario” da Unión Europea para que as rendas que perciben os traballadores do sector primario sexan “equiparables” ás doutros eidos.
Ademais, Gonzalo Caballero subliñou a relevancia que ten o apoio ao sector primario nunha comunidade como Galicia, que, nomeadamente no seu rural, sofre “problemas de despoboamento e de falta de vitalidade demográfica”. “A PAC debe ser un mecanismo para o desenvolvemento sostible do territorio”, reivindicou.
A continuación, o secretario xeral do PSdeG aplaudiu que “a vontade” do goberno que encabeza Pedro Sánchez vai “nesa liña de desenvolver unha política favorable” para o medio rural e o sector primario.
E, no que atinxe a Galicia, Gonzalo Caballero garantiu que os socialistas galegos manterán a súa liña de traballo “para que os problemas de agricultores e gandeiros estean sobre a mesa da Xunta”.
EVITAR “RECORTES”
Pola súa banda, o eurodeputado socialista José Blanco, presente tamén na inauguración, puxo o foco na sensibilidade amosada polo novo goberno de España, con Pedro Sánchez á cabeza, para introducir cambios no novo período da PAC que eviten “recortes” para os gandeiros.
Así mesmo, o secretario provincial do PSOE en Lugo, Álvaro Santos, fixo fincapé na importancia da PAC á hora de “reverter o abandono do rural”; ao que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, engadiu que esta ferramenta comunitaria ten que ser “unha oportunidade para o conxunto da poboación”. “Porque é inconcibible pensar en Galicia, e en Lugo, sen o rural”, concluíu.