A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, reclamoulle hoxe á Xunta que puxera en marcha de forma urxente un “plan de choque” para frear a caída de poboación no sector da pesca. Considerou “incomprensible” o voto en contra do PP á proposición no de Lei na que os socialistas reclamaban medidas urxentes, e que se debateu na Comisión de Pesca de hoxe.
A responsable socialista deu hoxe a voz de alarma diante da caída imparable de persoas do sector, da man da caída demográfica xeneralizada de Galicia pero acentuada pola grave perda de postos de traballo na pesca galega. Lembrou que en só un ano o número de persoas ocupadas no sector reduciuse nun 21 por cento, o que supón a perda de máis de 4.400 profesionais.
Esta situación resulta especialmente grave no caso das mulleres, xa que “a redución representa un 31 por cento, a pesares de que a conselleira do Mar repita constantemente que a situación da muller neste sector é mellor”. Advertiu tamén que “o relevo xeracional non está garantido, e iso deixa máis de 4.400 embarcacións sen unha alternativa de futuro”.
Criticou que mentres perdemos un de cada cinco homes e unha de cada cinco mulleres sucede, o goberno galego destaca polo seu desinterese á hora de impulsar a recuperación de profesionais para o mar. Apuntou neste sentido que no ano 2017 a Xunta “executou unicamente un 37 por cento do programa de Competitividade e Mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura”.
Advertiu que “o futuro pinta negro” mentres o goberno só executa o 30 por cento do programa con maior asignación económica da Consellería, ao tempo que reducen partidas de eficiencia enerxética ou os seguros de mal tempo e deixa sen executar dos orzamentos para os plans de seguridade, como a sinalización de bateas.