O secretario xeral subliña que a de hoxe é “unha xornada histórica” e celebra que “unha ampla maioría” do Congreso optase pola “rexeneración”
Madrid, 1 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presenciou este venres “unha xornada histórica” na que “unha ampla maioría” do Congreso dos Deputados trasladou a Pedro Sánchez a súa confianza para abrir “unha nova etapa” no país.
O cambio, profundou o líder dos socialistas galegos, permitirá poñer en marcha “novas políticas para a cidadanía” e “eliminar os vicios de corrupción que a dereita estaba instaurando no sistema político español”.
Era, por tanto, “un cambio imprescindible, necesario e convinte” para a democracia española, que os socialistas “afrontamos con forza e con ganas”. Pola súa banda, xa trasladou ao novo presidente do goberno o seu “apoio”, como xa o fixera nas primarias que o levaron á Secretaría Xeral do PSOE e que mantivo con “lealdade” este tempo.
E é que, como explicou Gonzalo Caballero, Pedro Sánchez era “a persoa axeitada” para poñer en marcha “un proxecto de esquerdas, sen complexos e con vontade de goberno”. “E o que hai un ano parecía algo difícil de levar a cabo, hoxe é unha realidade”, celebrou, convencido de que a vontade se traduce en feitos “cando a política se fai con ideas, con ilusión, con convicción e con forza”.
Así as cousas, o secretario xeral do PSdeG destacou que hoxe toda a esquerda do país está “satisfeita” co ascenso de Pedro Sánchez e que “centos de milleiros de cidadáns están emocionados” coa retirada “da dereita máis corrupta de Europa do goberno”.
“Hoxe unha ampla maioría parlamentaria optou pola rexeneración” vendo que o “único interese” da dereita era “manter o poder”, mentres Pedro Sánchez “amosou solidez e vontade de diálogo”.
“UNHA OPORTUNIDADE DE FUTURO”
A partir de agora, engadiu Gonzalo Caballero, ao executivo liderado por Pedro Sánchez tocaralle, como antes fixeran Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero, “dar unha oportunidade de futuro á xente que máis o necesita, aos mozos e a quen sofren os recortes da dereita no Estado do Benestar”.