O secretario xeral do PSdeG reclama á dereita que “rectifique” a decisión de suprimir o Diario Cultural da grella da Radio Galega
Santiago, 17 de maio de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou este xoves, Día das Letras Galegas, que “este país é máis rico cando ten a súa lingua con potencia”, de xeito que esixiu á Xunta que tome medidas para frear o “retroceso” que está experimentando.
Nunha xornada de “recoñecemento” e posta en valor da lingua e da cultura galegas, o líder do PSdeG fixo fincapé en que as administracións públicas teñen que “potenciar” a súa difusión e coñecemento, ademais de trasladar á cidadanía a importancia de ter “cariño” polos elementos que nos son propios.
“Temos que amosar un compromiso claro co galego, que fai unha Galicia máis rica e máis próspera”, resaltou Gonzalo Caballero, quen sinalou a existencia de “eivas” na política lingüística da Xunta.
Tamén cuestionou tamén a política cultural e de medios da dereita, que leva a que “se poña fin ao Diario Cultural”, unha ferramenta de difusión da cultura galega durante anos a través da Radio Galega. “Hai que salvar o Diario Cultural”, recalcou o secretario xeral, e instou a “rectificar” unha decisión que vai “na dirección errada”.
“Queremos máis galego, queremos un galego estendido e queremos un galego cultural que exemplificamos na defensa deste programa de referencia na cultura galega durante tantos anos e ao que o PP quere poñerlle fin”, finalizou.