O portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Luis Álvarez, presentará na próxima reunión do dito órgano unha pregunta oral polos cambios na programación da Radio Galega, que inclúen a supresión do Diario Cultural no seu formato actual de 50 minutos continuados, e a eliminación das desconexións de informativos locais.
O responsable socialista relacioa a supresión das desconexións locais de A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense, que se ven sumar ao peche das delegacións de Pontevedra, Ferrol e Burela no ano 2010, cunha “maior centralización e control da información local”. Lembra que a “estratexia de redución e eliminación da información local” culmina precisamente un ano antes das eleccións municipais de 2019.
Tamén pregunta polo “proceso de descafeinado” do Diario Cultural, un programa referente do panorama cultural galego nos seus 28 anos de vida, que perde o formato de 50 minutos continuados para repartirse en diversas “desconexións” ao longo do día. Álvarez quere saber se “perdeu a nova dirección da RG a confianza na actual condutora e alma mater do programa, a poetisa e académica numeraria da RAG Ana Romaní”.