A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias sobre as “evidentes eivas de seguridade” da nova autovía do Morrazo. Esta vía, que entrou en funcionamento o pasado venres día 11 de maio, rexistrou xa dous accidentes aparatosos nos dous primeiros días aberta e no mesmo punto.
Pierres explica que o escenario dos dous sinistros, que se saldaron un deles con danos materiais pero o segundo cun ferido moi grave, corresponden co enlace da nova autovía co “tramo 3” do corredor, e que estará en obras ata o vindeiro ano. Neste lugar, advirte, “pásase de 120 a 50 quilómetros por hora en moi pouco tempo e cunha sinalización que se entende insuficiente, especialmente durante a noite”.
Apunta que “en tan só dous días dende a súa apertura ao tráfico temos que lamentar xa dous accidentes nun mesmo punto que entendemos está a ser conflitivo, e no que sería preciso estudar a efectividade das medidas de seguridade viaria e de sinalización que se están a adoptar”.