O secretario xeral reivindica o papel dos grandes alcaldes socialistas e chama a non fiarse de enquisas “que logo os cidadáns negan cos seus votos”, como pasou en 2016
Santiago, 12 de maio de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, inaugurou este sábado as xornadas ‘Gobernos locais ao servizo da cidadanía’, unha cita na que destacou a fortaleza do partido para ser “primeira forza” nas eleccións municipais do ano próximo fronte ao “retroceso como non se recorda” que está experimentando o PP e fronte a outras “operacións de marketing con pouco contido”.
“Nós somos o partido da esquerda, temos a capacidade de implementar candidaturas en todos os concellos do país e non somos o froito de determinados resultados demoscópicos que anuncian feitos que logo os cidadáns negan cos votos”, recalcou Gonzalo Caballero, sen esquecerse de que xa en 2016 todas as enquisas “fallaron” ao prognosticar o descenso do PSOE.
Neste contexto, o líder do PSdeG sinalou que os próximos comicios locais “xogaranse concello a concello”, onde “os socialistas temos un plus de conexión” dado polo feito de que en Galicia contamos con 90 alcaldes, con máis dun millar de concelleiros e con tres presidentes de deputación.
A todo iso súmase, proseguiu Gonzalo Caballero, que as grandes referencias municipais forman parte das nosas filas. De feito, indicou que nos concellos onde entrou a gobernar a dereita tralas anteriores eleccións locais se pode constatar o “fracaso” da súa xestión, e engadiu que tampouco as “forzas emerxentes” acadaron “os resultados que a cidadanía quere”.
“Os veciños saben que onde gobernamos hai unha garantía de cambio e de progreso”, subliñou o secretario xeral, quen puxo en valor que “o Partido Socialista é un gran partido”. “Onde houbo avances sociais e políticos ao longo da Historia, estivo o Partido Socialista”, reivindicou, e chamou a traballar para “dar a Galicia unha oportunidade de progreso” a partires das eleccións municipais de maio de 2019.
“O ÚNICO CAMBIO CHEGA POLA ESQUERDA”
E é que, como dixo Gonzalo Caballero, fronte á dereita, a pretendidos “recambios pola dereita da dereita” e ás que se denominaron forzas emerxentes, “o único cambio chega pola esquerda” que representa o PSOE.
Así, coa defensa dos servizos públicos ou da revalorización das pensións como bandeira, o secretario xeral apelou a “sacar a relucir con orgullo o bo traballo feito” polos socialistas durante tanto tempo. E, sen medo a “contrastar o noso traballo co de outras organizacións políticas”, chamou a “construír unha maioría social de progreso” que permita “retirar á dereita máis corrupta” do goberno.
Para iso, como dixo, o partido “seguirase abrindo á sociedade”, o que permitirá “incorporar a todos os progresistas na casa común da esquerda que sempre foi e ten que seguir sendo o PSOE”.
“POLÍTICA PARA AS PERSOAS”
Pola súa banda, a secretaria de Política Municipal do PSOE, Susana Sumelzo, quen tamén participou na apertura das xornadas, destacou a labor dos socialistas dende o ámbito local “para facer mellor a vida dos nosos veciños”.
Por iso, reclamou “respecto á autonomía local”, que pase por unha maior autonomía financeira para os concellos e por unha flexibilización da regra de gasto. Os concellos galegos, apuntou, tiñan ao peche do 2016 un total de 481 millóns de euros de superávit, un 24% máis que o ano anterior; por 23.500 en toda España.
“Son moitos cartos no banco para non poder facer política para as persoas”, cuestionou Susana Sumelzo, quen contrapuxo o saneamento económico de concellos como o de Lugo ou o de Vigo co feito de que non poidan contratar persoal.
Tamén o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, enxalzou o traballo dos socialistas dende as institucións e puxo como exemplo os cambios postos en marcha na que lidera, “obxectivando” os criterios de reparto dos fondos ou establecendo planes de igualdade de xeito “transversal”.
A maiores, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo fincapé en que os socialistas “somos a única esquerda útil e con capacidade de goberno”, como se aprecia nos concellos, e chamou a combater “as políticas da dereita, que tanto dano fan ao municipalismo”.