Loli Toja acusa á conselleira de Pesca de garantir un “chollo” para a empresa adxudicataria
O goberno galego paga anualmente 8,5 millóns por dous aeronaves que compraron en 2005 por 27 millóns e venderon en 2012 pola metade
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, urxiu ao goberno galego a reclamarlle á empresa adxudicataria do servizo de Salvamento Marítimo que renove as aeronaves Pesca I e Pesca II. No debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, acusou á conselleira do Mar de “garantir a ruína para Galicia e un chollo para a empresa”.
Toja aludiu así ao proceso que levou á Xunta a comprar en 2005 os dous helicópteros marca Sirkosky por 27 millóns de euros, que venderon en 2012 pola metade argumentando que eran obsoletos, pero agora lle pagan á empresa Babcock 8,5 millóns de euros anuais polo servizo coas mesmas aeronaves.
A responsable socialista preguntoulle ao goberno galego “por que non lle esixen á empresa que preste servizo con aeronaves máis modernas”, explicou, hai unha oferta de venda real en Internet por 1,7 millóns de euros polo mesmo modelo. Explicou que a empresa mantén os helicópteros actuais porque “quen lle vai pagar senón o que lle está a pagar Galicia” mentres rebaixan os salarios dos traballadores ata provocar unha folga.
Loli Toja acusou ao goberno galego de “pasar olimpicamente” das alertas do Consello de Contas, que no seu momento puxo en cuestión o proceso de compravenda dos helicópteros, que careceu dun estudo sobre a repercusión da operación á empresa que monopolizaba o mercado no prezo das futuras contratacións e o pago foi realizado por un trámite excepcional non xustificado.