O parlamentario socialista Abel Losada instou hoxe á Xunta a liberar a peaxe da conexión entre Vigo e Porriño a través da AP-9 “mentres non se constrúa o túnel que prometeu Rajoy para rematar o trazado da A-52” entre as dúas cidades. Losada presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento sobre o desleixo do goberno galego diante do problema viario na A-55.
Losada lamentou que o goberno galego renuncie a utilizar a súa capacidade para rebaixar a peaxe nesta vía “a lo menos mentres se realiza o incerto túnel da A-52” e que permitiría utilizar a conexión por autoestrada entre as dúas cidades para “drenar” o tráfico que satura a A-55. Explicou que actualmente a AP-9 só absorbe o 10 por cento do tráfico da autovía actual.
O responsable socialista sinalou que “o plan de transferencia do tráfico de Fomento saíu mal porque era malo, e todos o diciamos agás vostedes”. Actualmente a autovía Vigo – Porriño, que ten un dos 3 tramos con maior sinistralidade do Estado, soporta entre 60 e 65.000 vehículos diarios, o 7 por cento deles correspondentes a tráfico pesado, e está “absolutamente colapsada”.
Esta vía da servizo aos polígonos de Mos e Porriño, e é a principal saída da área urbana de Vigo coa Meseta e Ourense, así como a conexión con Portugal. Losada ironizou co reinicio das obras de mellora da A-55 anunciada este mesmo luns, logo de ter sido anunciadas hai 2 anos e 5 meses polo Ministerio de Fomento, se ben “xa terían que estar rematadas en maio de 2017.