O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha emenda socialista, incorporada a unha proposición non de Lei presentada polo PP, na que lle reclama á Xunta que garanta que Galicia non perda peso nas axudas da PAC nin nos fondos de cohesión da UE. O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, presentou esta iniciativa que insta ao goberno galego a despregar “toda a acción política precisa” con este obxectivo.
A iniciativa aprobada hoxe reivindica tamén “un maior incremento do orzamento comunitario que tamén aposte polos mozos e mozas, os programas de I+D, a loita contra o cambio climático e a solidariedade en materia migratoria”.
Este acordo incorpora tamén a proposta socialista para reforzar o piar europeo de dereitos sociais ratificado no Cumio Social de Gotemburgo do pasado 178 de novembro para garantir novos dereitos sociais con relación á igualdade de oportunidades e de acceso ao mercado de traballo, condicións laborais xustas e a protección e inclusión social.
Díaz Villoslada explicou que esta emenda inclúe a reivindicación dun proxecto europeo “como modelo de integración social, económica, xurídica e democrática, que salvagardando as identidades de cada territorio, busca impulsar un modelo de convivencia pacífica, solidaria, próspera e en igualdade”.
Tamén reclama a redefinición do modelo fiscal europeo “para limitar a competencia fiscal entre os estados membros, reforzando a normativa para unha estrita loica contra a evasión, a elusión fisca e o blanqueo de capitais” incorporando os indicadores de “bo goberno fiscal” á axenda europea.
O parlamentario socialista reclamoulle hoxe ao PP e ao presidente do goberno “que presenten unha posición firme, non tibia, netamente continental” diante do debate de cara ao reforzamento da unión social e política da UE.
Apuntou nesta dirección como única resposta á crise aberta logo do fracaso do tratado de 2005, a crise económica de 2008, a crise de refuxiados que comezou en 2015, o Brexit ou as ameazas das políticas do actual presidente dos Estados Unidos.