O secretario xeral do PSdeG destaca a “xestión pública eficiente e ao servizo da cidadanía” do alcalde de Cuntis
Cuntis, 8 de maio de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este martes o municipio de Cuntis en compañía do alcalde, Manuel Campos, e tivo a ocasión de coñecer de primeira man a “xestión pública eficiente e ao servizo da cidadanía” que está poñendo en marcha.
Neste senso, o líder dos socialistas galegos destacou o plan de obras e as actuacións levadas a cabo nas parroquias, así como o fomento das iniciativas turísticas e a aposta polo emprego, que están permitindo que “Cuntis vaia a máis” a pesares de que a Xunta do PP “arrincona” e “abandona” ao concello.
Esa mesma “desatención” da dereita cos concellos do interior de Galicia plasmouse onte na visita de Feijóo e o ministro de Fomento a Sarria. “Foron facer unha obra de teatro na que retiraron os trens normais e puxeron outro ao servizo do PP”, reprobou Gonzalo Caballero.
Crítico cunha “operación de marketing” na que o PP tentou facer ver “que hai unhas infraestruturas que non existen” e na que fixo “unhas promesas que non se recollen nos orzamentos”, o secretario xeral do PSdeG esixiu aos populares que “deixen de enganar á cidadanía”.
Finalmente, atribuíu a “fraude” que onte protagonizaron Feijóo e o ministro de Fomento, que supón a maiores “un despilfarro de recursos públicos”, a que ao PP “non lle saen as contas” de cara as eleccións municipais do ano que vén.