A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista, María Pierres, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei na que reclamaba unha solución para as 50.000 vivendas inacabadas en toda Galicia. A responsable socialista lamentou que se negaran mesmo a reclamarlle á Sareb a finalización das obras que ten paralizadas.
Pierres demandaba o remate destas obras pendentes e a posta en marcha de medidas para a súa posta a disposición ao parque de alugueiro da Xunta, especialmente naqueles concellos onde hai demanda de alugueiro social. Criticou que o PP presentara unha emenda “desvirtuando a proposta e afastándose do verdadeiro problema ao reducir o problema de vivendas inacabadas a somentes fachadas inacabadas”.
Explicou que as fachadas “son só unha das consecuencias parciais” dun problema económico para moitos propietarios aos que non lles rematan a construción pola desaparición da promotora, quebra ou permutas que se esfumaron, a un problema de seguridade cidadá e de veciños e veciñas que teñen que convivir coas edificacións.
Explicou que “o que impide resolver estes casos é o efecto rebote”, cando os concellos renuncian a actuar polo risco de que teñan que afrontar o custe inasumible da demolición do inmoble.
Sinalou que se trata da “última das solucións para as vivendas inacabadas” polo que reclamoulle ao goberno galego que “intermedie antes e resolva os expedientes coa terminación das vivendas”. Ademais, reclamou “axuda para concellos e vilas pequenos con máis dificultade pola súa incapacidade económica para levar a cabo a demolición como resolución última”.
Explicou que este problema repítese en “practicamente tódolos concellos de Galicia” con casos especialmente agudos como, ademais de Carral, Barreiros, Narón, Valdoviño, Monforte, Oia ou Sanxenxo. Pierres reclamou un informe sobre as edificacións inacabadas de Galicia coas especiais casuísticas e expedientes abertos nos concellos e “ter unha mellor idea dun problema especialmente grave no caso das edificacións plurifamiliares”.