O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou hoxe unha proposición de Lei para reformar a Lei de Garantías de prestacións sanitarias co obxectivo de “reforzar o sistema público de saúde”. O responsable socialista reclama que o goberno estea obrigado a contratar máis persoal cando as esperas superen o límite fixado por Lei.
Torrado lembrou que esta mesma Lei de Garantías establece un máximo de 45 días para a espera de consulta externa, o mesmo que para as probas diagnósticas, e de 60 días para cirurxía. Puntualizou que “se a Lei marca un tempo máximo e a realidade di que o estamos superando, iso debera implicar contratar máis persoal para solventar o problema”.
Acusou á Xunta de utilizar as listas de espera para aumentar á sanidade privada, en lugar de reforzar ao sistema público, destinando 200 millóns de euros do orzamento de Sanidade “de inicio, porque a nosa experiencia din que aumentarán” ao longo do ano. Advertiu que recorrer á concertada “debe ser excepcional, circunstancial, pero nunca estrutural”.
Critica que o goberno galego “asume que o concerto é unha parte esencial do sistema e mesmo o que lle da valor engadido, como chegou a dicir literalmente o propio conselleiro de Sanidade”. Torrado reclamou información sobre as derivacións á privada, logo de que o propio Consello de Contas alertara da información opaca sobre as derivacións.
Escurantismo
Torrado denunciou o “escurantismo” demostrado polo goberno galego, que evitou ata o momento cumprir coa obriga legal de enviar un informe sobre o grao de cumprimento das listas de espera e mesmo con posibles medidas correctoras. Por iso reclama, con esta reforma da Lei, un informe “aínda máis completo, que se presente e leve toda a información que pretende agochar a Xunta”.
Reclama que inclúan “información sobre servizos e hospitais concretos para ver cales compren coa Lei”. Finalmente, esíxelle ao goberno galego que publique os tempos de espera na sanidade cada 3 meses en lugar dos 6 que fixa actualmente, unha “mera cuestión de datos” e unha posibilidade “moi sinxela en termos informáticos”.