A portavoz de Urbanismo do Grupo Socialista criticou a “mala xestión urbanística que a Xunta aplicou e que permite deixar ao redor dunhas 50.000 unidades de vivendas sen rematar”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión sobre a falla de medidas eficaces para o control e vixilancia das edificacións inacabadas en Galicia.
A responsable socialista instou á Xunta a dotar aos concellos de medios técnicos, económicos e administrativos para que poidan exercer o cumprimento da lei e tomar a iniciativa fronte á quebra das firmas propietarias. Sinalou que concellos como o de Carral, Barreiros, Narón, Valdoviño, Monforte son algúns dos que mais están afectados por este abandono e que non teñen capacidade para poder levar a cabo accións legais.
Explicou que a lei do solo do 2016, no seu artigo 135, fala de que “o deber de edificar inclúe o deber dos propietarios de rematar as edificacións para cuza execución obtiveron a preceptiva licenza”. Esta norma, dixo, “habilita á Administración de forzar a terminación das obras mediante multas coercitivas pero que en ningún caso están a facerse efectivas”.
Pierres apuntou que esta situación deriva da “suma da burbulla inmobiliaria e da concesión de licenzas urbanísticas sen unha planificación axeitada”. A mala praxe urbanística, advertiu, “afecta principalmente os veciños e veciñas dos municipios que teñen que convivir con estruturas que son foco de abandono, lixo e inseguridade urbana”.
Puxo como exemplo o caso dunha edificación na vila de Carral, onde as lousas de pizarra dunha fachada de máis de 200 m lineais, se están a desprender sen que o concello teña nin sequera ben delimitada e protexida a súa contorna, o que pon en serio perigo á cidadanía.
Así mesmo, engadiu, “os principais prexudicados son aqueles pequenos investidores que non puideron ver terminadas as súas vivendas ou que cederon as súas parcelas a cambio dunha vivenda e que en ambos os casos quedan desamparados”.