O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, sinalou hoxe que a Xunta deixou sen executar 6,2 millóns de euros dos 19,7 orzamentados para 2017 no programa de prevención do abandono escolar. Apuntou que “algo non está funcionando como debera” cando o goberno galego reduce este programa nun 32 por cento.
Os socialistas galegos presentarán no próximo Pleno do Parlamento unha interpelación na que critica que o goberno galego “priorice a propaganda fronte á efectividade política” na execución deste programa. Puxo en cuestión a eficacia das políticas do goberno galego, que “pasa de executar só 13,5 millóns de euros en 2017 a orzamentar 23 para 2018” precisamente co antecedente da baixa execución deste programa.
Álvarez sinalou que o próximo Pleno do Parlamento incluirá ademais unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta un informe sobre a aplicación do I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia. Lamentou o desinterese do goberno galego á hora de poñer en marcha as medidas previstas no propio Plan, rematado en 2016, para analizar a súa eficacia.
Considera “preocupante que á altura de marzo de 2018 a Consellería de Educación careza de información sobre o número de centros que teñen participado” neste programa, como puxo de manifesto o propio goberno en resposta ao grupo socialista na Comisión de Educación do pasado 4 de abril.
Protestas estudantes
Luis Álvarez trasladou o respaldo do Grupo Socialista á folga de estudantes de ensino medio e superior convocada para hoxe para reclamar a derrogación da Lomce, a paridade no ensino e a aprobación dunha Lei Galega de Educación. O parlamentario socialista reivindicou ademais o incremento das bolsas de axuda aos estudos e a modificación dos criterios de adxudicación.
Sinalou as dificultades dos estudantes galegos aos que se lles repercute nas bolsas as construcións rurais que “nada aportan ao valor das propiedades, pero que tributan no IBI e lles restan posibilidades de acceder ás axudas de estudos”.