O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista para pedirlle á Xunta que cumpra coa obriga legal de poñer en marcha un novo plan de avaliación e control da administración paralela do sector público autonómico.
Díaz Villoslada recomendoulle hoxe ao PP e ao goberno galego un “máster sobre cumprimento normativo e transparencia”, ironizando cos supostos estudos de posgrao da presidenta de Madrid, Cristina Cifuentes. Así o dixo no debate na Comisión de Política Institucional dunha iniciativa socialista que trasladou as recomendacións do Consello de Contas e que foi rexeitada polo PP.
Explicou que esta proposta e a recomendación do ente fiscalizador na que se apoia, responden á Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral de Galicia –Lofaxga-. Advertiu que o goberno galego incumpre unha Lei que eles mesmos impulsaron e aprobaron no ano 2010, renunciando así á obriga de incrementar a transparencia, mecanismos de control financeiro e operativo e a avaliación dos mecanismos da fraude.
O responsable socialista alertou da proliferación de entidades administrativas “paralelas”, un total de 116 en Galicia, que xestionan o 16 por cento do orzamento da Xunta e dispoñen de 6.000 empregados públicos. Galicia é hoxe a quinta autonomía con maior número de entidades desta natureza que fuxen do dereito administrativo, permiten maior discreccionalidade, menos controis financeiros e difuminan os límites de endebedamento.
Sinalou que a Xunta incumpre a obriga legal de dotarse dun rexistro de entidades dependentes, tal e como denuncia o Consello de Contas, que alerta das dificultades de fiscalizar estes entes, que inclúen organismos autónomos, axencias públicas e entidades empresariais, consorcios, sociedades mercantís ou fundacións.
Explicou neste sentido que os plans de racionalización publicitados polo goberno galego en 2010, 2011 e 2014 “nunca se publicaron, non se coñecen informes sobre o seu grao de avaliación e seguimento e a administración galega non achega información na web nin no portal de transparencia”.
Díaz Villoslada apuntou ás 17 axencias públicas autonómicas, 3 máis que en 2015, que fan que Galicia sume a metade do conxunto de axencias desta natureza en todo o Estado. Ademais, sinalou, das 14 fiscalizadas polo Consello de Contas en 2014, só a Amtega cumpre con tódolos parámetros, que son incumpridos sistematicamente polas demais.
Advertiu dos “casos preocupantes” que supoñen por exemplo o risco de dubidoso cobro nos préstamos concedidos a través do Igape, a situación de “insolvencia” de Xestur Galicia, ou a necesidade de que continúe a Sociedade de Xestión do Xacobeo ou a Fundación de Deporte Galego, entre outras.