O secretario xeral do PSdeG mantén a primeira xuntanza formal co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e constata que unha das “tres patas” nas que descansa a política para “a Galicia do futuro” é a política do medio rural
Santiago, 12 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este xoves a primeira xuntanza formal co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; un espazo de traballo no que ambos constataron o “abandono” no que a Xunta ten sumido ao medio rural galego.
Tanto, que o líder dos socialistas galegos subliñou que fronte á “propaganda do suposto compromiso” co medio rural da Xunta, Feijóo “suspendeu” neste eido. “No sector agrario, no forestal, no gandeiro, no lácteo… o PP só fai política de anuncios”, censurou.
Así é, lamentou Gonzalo Caballero, que o medio rural “agoniza” coa dereita, posto que carece de “proxectos” e de “alternativas” para “revitalizar” o medio rural. Neste punto, destacou que a acción neste ámbito é unha das “tres patas” sobre as que descansa a política para “a Galicia do futuro”, xunto cunha nova política económica e un compromiso social.
Para dar “posibilidades de futuro” ao noso medio rural, o secretario xeral avanzou que o PSdeG “intensificará” as relacións con Unións Agrarias e con outros colectivos do país para deseñar “ ideas e propostas”.
De feito, onte mesmo se constituíu o grupo de traballo sobre política forestal e incendios, no que participan cargos do partido, profesionais e expertos na materia, para abordar cuestións coma a xestión dos montes, a prevención e a xestión dos incendios ou a regulación da Rede Natura. Estes aspectos, ademais, terán un oco específico no laboratorio de ideas do PSdeG.
“ANUNCIO VIRTUAL PERMANENTE”
Pola súa banda, o responsable de Unións Agrarias lamentou que hai “máis dun ano” que non pode facer chegar as súas propostas á conselleira de Medio Rural, mentres criticou que o goberno galego “nun anuncio virtual permanente” ou incluso “anunciando unha cousa e facendo a contraria”.
Proba diso –engadiu– son os expedientes sancionadores abertos pola Xunta a pais que ceden o dereito de pago único aos seus fillos cando se incorporan á actividade agraria, que conviven coas proclamas de “impostos cero no rural”.