O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, considerou hoxe “inxustificado” o retraso de 7 meses na posta en marcha por parte da Xunta do novo sistema de venda de pasaxes ás Illas Cíes. Presentou unha pregunta en Comisión logo de que a Xunta agardara ata 10 días antes de Semana Santa dende a esaxerada posta en escena da súa operación contra a sobrevenda fraudulenta de agosto.
O responsable socialista levou hoxe ao Parlamento a inquedanza e o malestar do sector turístico tanto polo retraso na posta en marcha deste sistema como da “operación máis digna de James Bond que dun goberno serio”. Lembrou que no pasado mes de agosto, en lugar de facer control en orixe, agardaron a que os barcos estiveran cheos de viaxeiros para bloquealos no medio da Ría.
Losada contrastou a lentitude na posta en marcha do novo modelo coa “celeridade e eficacia” demostrada pola Xunta nun despregue humano e material “descoñecido e esaxerado” salvo que, dixo, se encadre nunha “estratexia de menoscabo da imaxe turística do Concello de Vigo”.
Difusión intensa
Logo daqueles sucesos, dixo, no mes de agosto anunciaron un sistema de prevenda de entradas que non foi posto en marcha ata 10 días antes das vacacións de Semana Santa malia que, dixo, “sete meses semella un tempo máis que suficiente”. Neste sentido, advertiu que o novo modelo “esixe dunha difusión intensa” dende estes “primeiros momentos” antes da temporada de verán.
Reclamou a intervención do goberno galego para garantir un servizo eficaz por canto “saben que moitos viaxeiros chegan de forma inmediata” para adquirir as súas pasaxes e no mesmo momento embarcar destino ás Illas Cíes.