O Pleno do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle ao goberno galego o reforzo dos equipos de valoración da discapacidade para eliminar as listas de espera.
A portavoz de Política Social, Noela Blanco, alertou da situación “crítica” de persoas “con problemas serios” que teñen que agardar ata 3 anos pola súa valoración e mesmo de casos dun ano de espera para “persoas con pensión non contributiva, nenos, enfermos de cancro terminal e maiores de 90 anos”. Advertiu do “prazo excesivo” que leva a que mesmo moitos casos “falecen antes de telo recoñecido”.
Explicou que estas persoas precisan do certificado de discapacidade para poder obter á redución do IRPF, exencións fiscais, subvencións para mobilidade ou o dereito para acceder a prazas de emprego público. Unha situación da que se fan eco a diario, dixo, organizacións como Cermi, Down Galicia, Fegadace, Cogami ou Fagal, que asistiron ao debate, ou mesmo a Valedora do Pobo.
Dieta milagre
Blanco censurou a “dieta milagre de adelgazamento” das listas de agarda anunciada polo presidente da Xunta de Galicia e que considera “curtopracista, unha merma estéril do servizo e deseñada para botar balóns fora”. Criticou que teñan que ser médicos do Sergas os que fagan as valoracións, en substitución do persoal dos equipos de valoración, cun “parche máis custoso para as arcas públicas que crear prazas” e que resulta “ineficaz”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a incrementar o número de postos de traballo dos equipo de valoración da discapacidade da nosa Comunidade Autónoma, co obxectivo de eliminar a lista de espera antes de finais de novembro de 2018, tanto nas solicitudes como nas revisións das valoracións da discapacidade”.